28M | Iván Puentes (PSOE): "Pontevedra ten que saír da súa zona de confort. O feito está ben pero necesitamos máis"
Tras oito anos na corporación, o últimos catro como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, a Iván Puentes chegoulle o seu momento. Con el, o PSdeG-PSOE quere ser "máis protagonista" dentro do goberno municipal e aportar "sentido común e consenso".
Pero o socialista sostén que Pontevedra debe "iniciar un novo tempo" porque o actual modelo, no que Puentes reivindica o papel do seu partido, "chegou á súa fin". Toca agora, asegura, "dar un paso máis" e tomar as decisións "adecuadas" para garantir o futuro da cidade.
Que foi o que te motivou a presentarte a estas eleccións?
Estou convencido de que o PSOE pode ter un papel moito máis protagonista. Había que marcar un perfil propio e ofrecer unha alternativa diferente a BNG e PP. Existe ese oco e esa oportunidade. Podemos aspirar a moito máis do que fomos nos últimos tempos.
Que balance farías deste últimos catro anos de goberno en coalición co BNG?
Eu quédome coa lealdade. Á marxe de puntos de vista diferentes, fomos capaces de chegar a acordos. Foron catro anos produtivos. Conseguimos que a cidade funcionase e se gobernase de maneira razoable. Evidentemente, se nós tivésemos máis responsabilidades, hai decisións do BNG que non tomariamos e se o BNG tivese maioría absoluta tomaría decisións diferentes ás que tomamos nós. Iso é democracia con maiúsculas.
Crees que a cidadanía entende as discrepancias que tivestes?
Hai que ser honestos coa cidadanía e mostrar en que puntos estamos de acordo e en cales non. Iso non é malo. Demostra que asinar un pacto de goberno non obriga a desdibuxar o noso proxecto e a nosa ideoloxía. Mantémolo pero adaptado a cada momento.
Acompáñate case todo o actual grupo municipal e recuperas a Paloma Castro.
É un grupo que responde ao que sempre defendín. Ter certa renovación xeracional e, ao mesmo tempo, contar con xente que ten experiencia de goberno. No caso de que pase o que cremos que vai pasar, incrementar o número de concelleiros e marcar un novo tempo na cidade, quero rodearme de xente preparada e capacitada.
"O modelo non está acabado nin é perfecto. Ten deficiencias. A época do cemento xa pasou. Agora vén a época do verde"
E, con todo, a vosa candidatura é a que presenta talvez un maior número de novidades...
Se dicimos que o PSOE ten que ter un maior protagonismo na cidade, que podemos funcionar doutra maneira e ser a alternativa a estes últimos 24 anos, seguir presentando o mesmo e non mover nada sería incoherente. Temos que renovarnos, con sentido común, tranquilidade e moderación. E traballar dunha maneira diferente ao que fixemos estes anos.
En que punto se atopa o PSOE con respecto ao modelo de cidade?
O PP, coa boca máis grande ou pequena, expón volver ao pasado, retroceder e esnaquizar o avanzando estes anos. Co BNG compartimos que Pontevedra transformouse para ben e que hai que mantelo e preservalo. Pero nós cremos que isto non está acabado nin é perfecto. Ten deficiencias. A época do cemento xa pasou. Agora vén a época do verde.
Precisamente ese último aspecto, que agrupastes baixo esa estratexia Pontevedra Flúe, é a bandeira que enarbora o teu proxecto. Por que consideras que é tan importante?
Xa temos unha cidade gañada para as persoas, con poucos coches. Fixémolo antes que outras. A día de hoxe, está a facelo todo o mundo. Pero para facela mellor hai que incorporar o río e os espazos naturais a ese modelo de cidade. E non só é unha cuestión paisaxística, é tamén unha estratexia de captación de fondos para a cidade.
En que sentido?
Os fondos que van chegar de Europa van vir para isto. Para reverdecer e naturalizar as cidades, para facelas máis resistentes ante o cambio climático. Ou evolucionamos o modelo cara aí ou perderemos ese financiamento. É unha oportunidade de traballo e actividade económica. É o epicentro do que ten que ser o modelo 2.0 que só expón o PSOE.
Cando no voso programa definides o actual modelo como "pechado, desequilibrado e funcionalmente deficiente", entendes que se vexa como unha crítica á cidade actual?
O que se fixo ata o de agora fíxoo tamén o PSOE. Pero hai que asumir que o modelo chegou á súa fin. Xa vivimos no paraíso. O feito estivo ben pero necesitamos algo máis. Avanzar cara ao verde e, ademais de ser bonita e cómoda, ser unha cidade que xere emprego e actividade económica. Non hai unha crítica ao xa feito, senón unha necesidade de melloralo e perfeccionalo.
E que propoñedes facer para xerar esa actividade económica?
Iso non pasa, desde logo, por industria pesada e o modelo dos anos 70. Pero hai toda unha industria verde pola que aposta Europa. Pontevedra, polo seu modelo de cidade, está tan capacitada ou máis que outras cidades para aspirar a ese parte de pastel.
"Pontevedra ten que crer en si mesma. Temos capacidade dabondo para exercer como capital sen sacarlle nada a ninguén. Pero hai que tomar as decisións axeitadas"
Pero como se pode conseguir atraer a esas industrias?
Pasa en ir da man con empresas e sindicatos. Pasa por xerar terreo industrial. E, sobre todo, por un plan estratéxico de cidade que nos diga en que sectores podemos ser competitivos. Nós apostamos por crear unha oficina estratéxica de cidade, que deseñe proxectos de futuro, que consiga investimentos e os execute. Hai que reposicionar a Pontevedra dentro de Galicia.
Pontevedra está a quedarse atrás?
Pontevedra ten que crer en si mesma. Temos capacidade dabondo para exercer como capital sen sacarlle nada a ninguén. Hai que saír da nosa zona de confort e tomar as decisións adecuadas. Outras cidades están a planificar o seu futuro para seguir sendo un motor económico. Nós temos masa crítica: empresas punteiras, un campus que pode dar máis de si e unha hostalería de gran nivel. Todo iso hai que organizalo e explotalo.
E contar cun PXOM?
Se da nosa maioría depende, os traballos retomaranse. Pontevedra ten que ter claro cal será o seu modelo para os próximos 30 anos. Para onde expandirse e como crecer. Poder delimitar os seus núcleos rurais, xerar chan industrial e evitar que os trámites das licenzas non sexan tan confusos. Iso faise cun PXOM que dea seguridade a longo prazo.
Falabas dos núcleos rurais, foron ben tratados estes anos?
Se tivésemos que dividir o concello, hai un sobresaliente no centro urbano e unha nota peor no resto. Boa parte do rural segue sen saneamento e auga potable e o estado dos camiños é mellorable. A zona rural, pola necesidade de urbanizar a parte central da cidade, quedou á marxe. É o momento de empezar a equilibrar o modelo.
Sostés que a nivel cultural tamén Pontevedra perdeu peso. É así?
Sen dúbida. A Pontevedra fáltalle oferta e diversidade cultural. E, sobre todo, vangarda. Non porque non haxa colectivos que a traballen. Falta apoio institucional. Temos que estar de novo na rede de grandes eventos. Non se trata de competir, pero si de ter o noso espazo. Hai que darlle un revolcón á cidade, porque tamén esa cultura é actividade económica.
Ata o de agora falamos do voso proxecto e do traballo do goberno municipal, pero que opinión meréceche o papel da oposición?
Creo que non ten proxecto. É lamentable. Estes catro anos foron un non constante de todo. Pero non foi acompañado dunha alternativa. Non expoñen nada. Non teñen proxecto máis aló de abrir Raíña Vitoria. Non hai nada. O déficit que teñen é gordísimo.
Que vós digades agora que reabriredes Raíña Vitoria non é darlle a razón?
Non. O PP quere volver a unha rúa con dous carrís e que non é atractiva. O BNG aposta por deixala como está. A terceira vía, a nosa, pasa por facer realidade o que a xente pide: gañar espazo para as persoas pero ao mesmo tempo facelo compatible coa necesidade de que poidan pasar residentes, xente que vaia a comprar ou o tráfico de servizos.
Se tras o 28M foses o alcalde de Pontevedra, cal sería a túa primeira medida?
Convocar ás forzas vivas para sentarnos e acordar que modelo queremos para a Pontevedra do futuro. Temos que traballar xuntos e buscar puntos de encontro. Sería un bo punto de partida para superar a crispación e a política de bloques na que estamos instalados.
Aos seus 18 anos, Iván Puentes (Fene, 1980) namorou de Pontevedra. Á cidade chegou para estudar Publicidade e Relacións Públicas e xa quedou. Foi alcalde de Fene (A Coruña) entre 2007 e 2011, pero volveu. É profesor universitario, está casado e ten dous fillos de 10 e 7 anos.
Cal dirías que foi o momento máis feliz da túa vida?: Cando naceron os meus dous fillos.
E o que te cambiou por completo?: Ao aprobar a miña primeira praza estable na universidade e souben que tiña asegurado o traballo. Puiden empezar a vivir cunha certa estabilidade.
Estrañas algo da túa infancia?: Non poder vivir co meu pai máis tempo. Morreu cando eu tiña dous anos. Eu non puiden gozar del.
Unha viaxe que te marcara: Gústame moito viaxar, pero creo que foi o tempo que estiven en Ecuador. Fun a dar clase e a unha estancia de investigación. Deume unha perspectiva diferente da nosa localización no mundo, das nosas necesidades e de apreciar o noso estilo de vida.
Cal foi o mellor consello que che deron?: Que a vida é agora.
Unha rutina ou hábito que te manteña enfocado: O deporte. Correr, sobre todo.
E un lugar para desconectar do mundo?: A illa de Ons.
Cal dirías que foi o maior desafío que lograches superar?: Á parte de presentar a tese doutoral, creo que o ser feliz día a día co que a vida me foi poñendo en cada momento.
A que tes medo?: Teño moitos. Á morte, como case todo o mundo. Pero fundamentalmente o de non saber estar á altura do que necesitan os meus fillos ou o non ter a certeza de acertar en cada paso que dan e que iso lles poida penalizar na vida.
Se non vivises en Pontevedra, onde crees que o farías?: En Ons.
Que afeccións tes?: Desconectar camiñando, o deporte que é o que me axuda a airearme e algo que é moi pontevedrés, o terraceo e estar cos amigos tomando algo. O tardeo.
Recoméndanos un libro: O último que lin foi La ladrona de huesos, de Manel Loureiro.
E unha película?: Vexo moitas series. Das últimas que vin, a máis me gustou foi El cuento de la criada.
Cociñas ou prefires que te cociñen?: Prefiro que me cociñen.
Que sitio recomendarías para comer?: Calquera local da hostalería pontevedresa.
Relacionadas:
-
Un carril de tráfico e conexión co Paseo das Palmeiras, o plan do PSOE para Raíña Vitoria
Por Manu Otero |
-
Iván Puentes, sobre a campaña de Lores: "Cando non tes nada novo que ofrecer, vendes medo"
Por Redacción |
-
O PSOE quere aproveitar o 'ciclón vigués' e crear unha marca propia para o Nadal pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Miquel Iceta pide o voto para Iván Puentes porque "a Pontevedra le toca un buen meneo"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Alugueiros a prezos "razoables", obxectivo do parque municipal de vivenda que promete Iván Puentes
Por Alejandro Espiño |