POAL afea a Lores "falta de previsión" por non querer cambiar o PXOM e á oposición "falta de ética" por non responderlle
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f01/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6468bec614-20230520-saiz-praza-san-xose-poal-mitin-comercio-hosteleria-001.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/433/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/6468beeabf-20230520-saiz-praza-san-xose-poal-mitin-comercio-hosteleria-004.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/6cd/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6468bef5c9-20230520-saiz-praza-san-xose-poal-mitin-comercio-hosteleria-005.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/80e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6468bf0540-20230520-saiz-praza-san-xose-poal-mitin-comercio-hosteleria-006.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/11e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6468bf269f-20230520-saiz-praza-san-xose-poal-mitin-comercio-hosteleria-002.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a4d/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6468f402ec-img-0159.jpg)
© PontevedraViva
O candidato de Pontevedra Alternativa (POAL) á Alcaldía, Carlos Fontán, quixo responder este sábado ás declaracións realizadas nos últimos días polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, nas que se amosaba contrario á aprobación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sinalaba: "Quen propón un novo PXOM está a propoñer unha volta atrás cara a Pontevedra do século pasado".
Para Carlos Fontán, esa actitude de Lores denota "falta de previsión de cara ao futuro", pois o Plan actual é do ano 1989 e resulta "prioritario ordenar o noso chan para construír a cidade do mañá”.
Pero o líder de POAL non só afeou as declaracións e actitud de Lores, senón tamén a forma de actuar da oposición, pois ningún dos outros partidos con representación na Corporación respondeu a estas palabras do alcalde. Para Fontán, esa falta de resposta supón "falta de ética e respecto cara a cidadanía".
Na súa opinión, que eles, como partido localista, independente e sen representación, sexan os primeiros en responder significa "ou que POAL é o único que se está tomando en serio esta campaña, ou que o resto de partidos non se dea conta do importante que é o que se decide o 28 de maio".
A Lores tamén lle quixo sacar as cores ao sinalar que Lores sae en campaña dicindo que non quere actualizar o PXOM mentres na páxina web municipal se pode ler "actualmente está a redactarse o Plano Xeral de Ordenación Municipal que substituirá ao actual. É un proceso aberto e participativo, no que están tomando parte numerosos cidadáns e as entidades sociais máis importantes da cidade".
Fontán ofreceu unha rolda de prensa no Liceo Casino de Pontevedra acompañado pola número 2 da candidatura, Ana Cedeira, e insistiu na importancia do PXOM como documento que "vertebra e planifica unha cidade", ao tempo que lembrou a Lores que pode modificalo sen que afecte ao seu modelo de mobilidade e á peonalización das rúas e cambialo podería axudar a "interrelacionarnos cos concellos limítrofes, afianzándonos como capital de provincia".
Durante a súa comparecencia, cuestionou que as normas leven 34 sen cambiarse nin adaptarse ás normativas urbanísticas actuais e repartiu culpas entre os dous partidos no Goberno, BNG e PSOE, e tamén o PP, por ser o partido que direxe a Xunta de Galicia e permite ao Concello facer modificacións puntuais do Plan cando o precisa.
Fontán tende a man a Lores ou ao alcalde que saia das eleccións do 28 de maio, sexa das siglas que sexa, e anuncia que van contar coa súa colaboración para a actualización das normas de ordenación.
O alcaldable de POAL considera que Pontevedra ten moitos sitios para os que pode medrar, desde A Parda a Lérez, Mollavao, Salcedo ou Monte Porreiro, pero o que está claro é que "Pontevedra ten que crecer" e para logralo fai falta ese novo PXOM que permitiría o desenvolvemento definitivo do rural e das grandes infraestruturas terrestres, así como solucionar o histórico problema do chan industrial no municipio.
SÁBADO DE MITIN
A campaña de POAL para este sábado tamén sumou actividades a pé de rúa como un mitin na Praza de San Xosé coa participación de Carlos Fontán, Ana Cedeira e Gustavo Olmedo, número cinco da lista.