"Somos Música" é o combinado de espectáculos paralelos ás probas deportivas da Gran Final das Series Mundiais de Triatlon que comezarán días antes do evento —o 18 de setembro— e rematarán coa gran traca final de Panorama City no recinto feiral para despedir a Gran Final.

A programación está formada por 14 momentos musicais con Zeltia Irevire, Moi, Uxía Lambona, Hermanos Visi, Helena Egea, Purple, varias sesións de dj, Pablo Méndez, Ortiga, Galician Army e De Ninghures.

Este venres 18 de setembro, ás 20.00 horas, na Praza da Peregrina será o concerto de Zeltia Irevire.

Zeltia Irevire é unha banda galega que combina a sabedoría popular coa innovación musical, creando un estilo de autor único que bautizaron como Folk Tribal. Formada no ano 2019 en Santiago de Compostela, a agrupación mergúllase en xéneros como o folk e o blues, entre outros, conseguindo unha identidade sonora inconfundible.

A súa música destaca pola sólida integración de instrumentos acústicos, como o bodhran, a caixa de pimentón, o violín, a guitarra acústica e o bouzouki, que se mesturan de xeito harmonioso con sons electrónicos como o sintetizador de baixo e os pedais de efectos. As letras das súas cancións, impregnadas de sabedoría popular, reivindican a protección do patrimonio cultural e natural de Galicia.

Praza da Peregrina, Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos