A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a décimo sexta edición das Noites de Música Antiga, un programa de concertos que este ano se centrará na música do período barroco.

O segundo dos concertos terá lugar o venres 24 de xullo ás 19:00 horas no Edificio Castelao, coa actuación da formación portuguesa Iberian Ensemble

O acceso é libre ata completar a capacidade. 

Iberian Ensemble centrará a súa actuación no estilo galante, un modo de facer que se despregou por toda Europa entre 1730 e 1770 e que se caracteriza pola claridade da súa expresión e por estar máis dirixido a unha recepción sensual e inmediata que á abstracción intelectual.

Neste estilo sitúanse os compositores do programa deste concerto, no que soarán pezas de Johan Joachim Quantz, Joan Baptista Pla, Josep Pla e Carl Philipp Emanuel Bach.

A formación Iberian Ensemble foi fundada en 2012 por Alexandre Andrade co obxectivo de xunguir a investigación musicolóxica e a interpretación da música ibérica dos séculos XVII, XVIII e XIX.

Participou en prestixiosos festivais de música antiga en Portugal, España, Reino Unido, Croacia, Serbia, República Checa ou Grecia.

Os seus membros son intérpretes cunha ampla formación académica especializada na música antiga en diversas institucións europeas e americanas.

Ademais de formar parte deste grupo, desenvolven carreiras artísticas propias noutros ámbitos e espazos, o que lles confire unha elevada cualificación profesional e proxección.

Ademais de Alexandre Andrade, na dirección artística e frauta barroca, Iberian Ensemble está composto por Marina García-Bouso, violín barroco; Karen Barbosa, violonchelo barroco; Ivan Oliveira, tiorba e guitarra barroca; e Catarina Sousa, clavecín.

Edificio Castelao, Museo de Pontevedra

Máis eventos

Ver máis eventos