'15 Bolos' que demostran a boa saúde da música local

Pontevedra
19 de xullo 2017

Bo ambiente na Praza do Teucro para gozar da sexta edición dos 15 Bolos, iniciativa que busca visibilizar aos novos grupos musicais de Pontevedra

Concertos dos 15 Bolos na Praza do Teucro
Concertos dos 15 Bolos na Praza do Teucro / Diego Torrado

A nova escena musical pontevedresa goza de boa saúde. Así o demostraron por sexto ano consecutivo as bandas participantes no certame 15 Bolos.

A Praza do Teucro gozou dun gran ambiente na primeira das dúas xornadas planificadas para visibilizar aos novos grupos musicais de Pontevedra, nunha iniciativa vinculada ao Local de Música da cidade, que realiza unha selección previa dos participantes.

Durante a tarde do martes, desde as 18:00 horas, desfilaron polo escenario do Teucro propostas do máis diverso, as que ofrecían os grupos  Anodhor, Millo Loco, Stock, Los Puta Mierda, Chirri Bomb e Miguel Alberte.

Pola súa banda a segunda xornada dos 15 Bolos, este mércores 19 de xullo, protagonízana Onion Smile, Nasty Loopers, Australia, Black Dog, Nagai, Bohr e The Trunks.

O último dos 'bolos' da presente edición do certame celebrarase en plenas Festas da Peregrina, coa actuación de Solfabirras como teloneiros de Mago de Oz no concerto que ofrecerán o próximo 13 de agosto na Praza de España.