O Concello de Poio aposta este verán por achegar o teatro á cativada coa posta en marcha de "Teatreirxs", un campamento teatral gratuíto dirixido a escolares de entre 7 e 12 anos que se desenvolverá do 23 ao 27 de xuño, coincidindo co remate do curso escolar.
Tras o éxito de "Poio Sesións" no 2024, iniciativa centrada na creación musical para a mocidade, o goberno local amplía agora a súa oferta cultural cun proxecto que vai máis aló da simple interpretación, permitindo aos participantes crear a súa propia compañía teatral e asumir diferentes roles tanto artísticos como técnicos.
"Con esta actividade queremos espertar o gusto pola interpretación e o teatro en todos os seus eidos", explicou o alcalde Ángel Moldes durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e as representantes da compañía Leucoíña Pasea, Cora Velasco e Sandra Ansín, encargadas de desenvolver o campamento.
O proxecto, que conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra a través das iniciativas para dinamizar a lingua galega, ofrecerá un total de 15 prazas.
As inscricións abriranse o vindeiro mércores 11 de xuño e as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a [email protected] indicando o nome e apelidos do neno ou nena, idade, persoa responsable e teléfono de contacto.
Coincidindo coa celebración do Ano Castelao, o campamento culminará coa representación de "Os vellos non deben de namorarse", unha das obras máis emblemáticas do autor. Desta maneira, a rapazada non só aprenderá sobre as diferentes facetas do teatro, senón que tamén se achegará a un dos grandes textos da literatura galega.

O campamento desenvolverase en horario de 9:30 a 13:30 horas ao longo de cinco sesións. Comezarán con dinámicas de presentación e xogos de expresión corporal, para logo avanzar no traballo sobre o guión, a creación do material escénico, os ensaios e, finalmente, a representación aberta ao público.
"Empregamos o teatro como ferramenta de comunicación, socialización e expresión en galego, traballando desde unha metodoloxía participativa, próxima e inclusiva", destacaron as responsables de Leucoíña Pasea, que guiarán aos pequenos actores e actrices nesta aventura teatral.