Poio celebra as Letras Galegas cunha homenaxe á lingua e a cultura

Poio
17 de maio 2025

O Concello entregou os premios do Concurso Literario Xaime Illa, nun acto no que se destacou o papel das cantareiras. A programación continúa o domingo con 'A Maxia das Letras'

Día das Letras Galegas 2025 en Poio
Día das Letras Galegas 2025 en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio rendeu homenaxe ás Letras Galegas cun acto central no Centro Cultural Xaime Illa, onde o alcalde Ángel Moldes reafirmou o compromiso do municipio coa lingua e a cultura galega.

Tamén fixeron entrega dos premios da XXXIII edición do Concurso Literario Xaime Illa, organizado pola SCD Raxó, e contaron coa participación de Xosé Luís Pastoriza, doutor en filosofía e investigador, que ofreceu unha didáctica e participativa visión da figura, obra e curiosidades do autor, figura sobre a que versou a súa tese doutoral e da que foi comisario dunha exposición.

Durante o acto, Moldes destacou que a celebración das Letras Galegas é unha "oportunidade para celebrar a nosa lingua, a nosa literatura e a nosa identidade como pobo, e para pór en valor a todas as persoas que, co seu traballo literario, cultural e social, contribúen a manter viva a lingua galega".

Conmemoración do Día das Letras Galegas en Poio
Conmemoración do Día das Letras Galegas en PoioConcello de Poio

Ademais, resaltou o papel da poesía popular oral e as cantareiras na transmisión da cultura e a lingua, e no acto púidose gozar da música e a voz das Cantareiras do Ronsel, agrupación tradicional do municipio. A Escola de Música Tradicional de Poio pechou o evento interpretando o himno galego.

A celebración das Letras Galegas en Poio continuará o domingo 18 con 'A Maxia das Letras', do Mago Samuel, un proxecto para o público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar a lectura. O espectáculo, con entrada gratuíta, conta coa colaboración do programa 'Ler conta Moito' da Xunta de Galicia.

PREMIADOS DO CONCURSO LITERARIO

O xurado premiou, na categoría A, de 6 a 8 anos, a Pablo Calvo Rodríguez, do CEIP Chancelas, na modalidade de relato curto, mentres que en poesía o premio recaeu en Alicia Outón Quiñones, do CEIP Espedregada.

Día das Letras Galegas 2025 en Poio
Día das Letras Galegas 2025 en PoioConcello de Poio

Na categoría B, de 9 a 11 anos, os traballos premiados foron os de Gabriela Ferreiro Pérez, do CEIP Lourido, en relato curto, e de Aquiles Bentes dos Santos, do CEIP Espedregada, en poesía.

A poesía de Celia Galiano Outón, do CEIP Espedregada, e o relato de Sofía López Lores, do CEIP Lourido, foron os gañadores na categoría de 12 a 13 anos.

De 14 e 15 anos, Samuel Cochón Alonso, do IES de Poio, gañou na modalidade de poesía, quedando desertos os premios en relato curto e as dúas modalidades na categoría de 16 a 17 anos. E, por último, na categoría F, maiores de 18 anos, os premiados foron Rocío Leira Castro, de Cee (A Coruña) en relato curto e Sergio Martínez Calvo, de Vilagarcía de Arousa, en poesía.

A XXXIII edición do concurso contou con preto de 120 traballos de toda Galicia, e mesmo participantes a nivel nacional. O xurado e a organización destacaron "a gran calidade" das creacións literarias.

Día das Letras Galegaso 2025 en Poio
Día das Letras Galegaso 2025 en PoioConcello de Poio