As Cantareiras de Barro de Arén, homenaxeadas en Cerdedo-Cotobade na véspera das Letras Galegas

Cerdedo Cotobade
17 de maio 2025
Actualizado: 11:01

Actuaron Os Trazantes de Tenorio, Os Afoutes do Canon de Pau, Os Abrentes, as Pandereteiras de Quireza e Foula. Jorge Cubela destacou o "gran mérito" de manter vivo o patrimonio das cantigas

Homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén
Homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén / Concello de Cerdedo-Cotobade

As Cantareiras de Barro de Arén foron este ano as grandes protagonistas da conmemoración do Día das Letras Galegas en Cerdedo-Cotobade. 

Neste ano no que a Real Academia Galega decidiu recoñecer as cantareiras e a poesía popular oral, en Cerdedo-Cotobade decidiron organizar un acto para homenaxear estas cantareiras locais. 

Celebrado no Centro Cultural de Cerdedo, e conducido por Rubén Troitiño, o evento foi unha exaltación do papel que estas mulleres xogaron en Galicia para manter vivo o patrimonio inmaterial das cantigas populares galegas ata os nosos días.
 
O acto, celebrado na véspera do Día das Letras Galegas, comezou cunhas palabras de benvida do alcalde, Jorge Cubela, para logo proxectar un vídeo sobre as Cantareiras de Barro de Arén.

Posteriormente, o Concello entregou un ramo de flores ás familias destas mulleres que durante moitos anos mantiveron viva e acesa a chama das cantigas populares galegas na contorna.

 Homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén en Cerdedo-Cotobade
Homenaxe ás Cantareiras de Barro de Arén en Cerdedo-Cotobade

O evento contou tamén coa actuación dos grupos folclóricos do municipio: Os Trazantes de Tenorio, Os Afoutes do Canon de Pau, Os Abrentes de Cerdedo, as Pandereteiras de Quireza e o Grupo Foula.

O Concello entregou a todos estes grupos un diploma de agradecemento e acreditativo da súa participación no acto. 

Jorge Cubela salientou a importancia que estas mulleres tiveron na conservación e posta en valor da música popular e tradicional galega e o "gran mérito" de manter vivo o patrimonio inmaterial das cantigas.

A cita rematou con pinchos.