'A arte de ser mal pai', escrita polo pontevedrés Óscar Cruz, premio Mellor Piloto no Festival Serielizados

Pontevedra
28 de novembro 2023

A comedia dramática, dirixida por Jorge Boquete e protagonizada por Xosé M. Esperante e Jacoba de Llano, preséntase como unha "serie galega e en galego" e obtén este premio no festival de series máis importante do Estado onde compartiu cartel con 'La Mesías' dos Javis ou 'El otro lado', de Berto Romero e Andreu Buenafuente

Óscar Cruz en PontevedraViva Radio con 'A transición' Mónica Patxot - Arquivo

O Festival Serielizados premia a serie 'A arte de ser mal pai', co galardón de "Mellor episodio piloto", converténdose na primeira vez que unha serie galega, gravada totalmente en lingua galega, acada este recoñecemento no certame que reúne os mellores traballos da ficción nacional e internacional.

A gala, celebrada o 25 de novembro en Igualada dentro do marco dos Premios Zoom, premiaba a serie que está guionizada polo pontevedrés Óscar Cruz e dirixida por Jorge Boquete. Na equipa actoral, os protagonistas son Xosé M. Esperante e Jacoba de Llano, acompañados por Marita Martínez, Sabela Arán, María Costas e Fede Pérez.

'A arte de ser mal pai' narra a historia dun pai de corenta anos que debe despedirse da súa filla, ofrecendo unha perspectiva conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidad da adolescencia no mundo actual. 

A serie está producida por Miraveo, co apoio do Agadic, e xa obtivo o premio á Mellor Serie Web en V.O. Galego e Premio do Público no festival Carballo Interplay, ademais de ser seleccionada en festivais nacionais e tamén internacionais en Chile e Perú.

Óscar Cruz e Jorge Boquete, gañadores de catro premios Mestre Mateo, amosan a súa satisfacción lembrando que "o mellor episodio piloto do ano en España é dunha serie galega e en galego. Por fin estamos a romper as barreiras lingüísticas no país". 

No festival Serielizados compartiron cartel con nomes referentes como o creador e showrunner de 'Succession', Jesse David Armstrong; os Javis que presentaban 'La Mesías', e Berto Romero e Andreu Buenafuente, con 'El otro lado'.