A Deputación converterá o Museo de Pontevedra nun organismo autónomo cun consello asesor

Pontevedra
05 de marzo 2019

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, explicou que esta proposta está encamiñada a "abrir o Museo de Pontevedra á sociedade" e convertelo en "un organismo que lonxe de ser hermético ou sesgado con respecto ao tecido cultural" signifique a entrada nel de "todos os sectores" para que sexa "acorde ao século XXI" adaptándoo ás "novas esixencias"

O deputado de Cultura e  Lingua, Xosé Leal
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra converterá ao Museo Provincial nun organismo autónomo que contará cun consello asesor.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, compareceu este martes en rolda de prensa para anunciar as novas formas organizativas do Museo de Pontevedra.

Xosé Leal explicou esta proposta que "vai ter a súa importancia capital nos próximos 10 anos" e que está encamiñada a "abrir o Museo de Pontevedra á sociedade" e convertelo en "un organismo que lonxe de ser hermético ou nesgado con respecto ao tecido cultural" signifique a entrada nel de "todos os sectores" para que sexa "acorde ao século XXI" adaptándoo ás "novas esixencias".

Despois de iniciar o proceso coa convocatoria da praza de Dirección e da Xefatura de Xestión, agora a Deputación dá un novo paso para que o Museo sexa un organismo autónomo "no que se articule a participación da sociedade" para contar cunha institución "áxil, eficaz, transparente e, sobre todo, independente".

O deputado de Cultura e Lingua anunciou a apertura do proceso participativo aberto para a elaboración duns estatutos para este "gran contedor cultural" que estarán "adaptados ao que a sociedade quere" e que permitirá, segundo asegurou "que este sexa un Museo máis de todos".

Nestes estatutos incluirase a figura dun comité asesor técnico. Pola súa banda César Mosquera resumiu que con esta iniciativa o que se busca é "recuperar a autonomía do Museo" e situou no pleno de maio a aprobación inicial destes estatutos.