A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva pechou este luns co presidente e a directora xeral da Spain Film Commission, Carlos Rosado e Teresa Azcona, as engrenaxes da que será a Film Commission da provincia da man da Deputación que se converterá na interlocutora da rede estatal que xestiona o Hub Audiovisual en España.
Carlos Rosado confirmou neste encontro que a Spain Film Commission que preside vén xa de recibir os 5 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación, e Resiliencia do Goberno de España para impulsar nos próximos tres anos proxectos que vertebrarán arredor da formación, captación de rodaxes, localizacións virtuais e creación dun vídeo promocional e dunha comunidade de talento audiovisual.
Carmela Silva asegurou que "temos un compromiso real, cremos neste proxecto, estamos moi ilusionadas e imos a velocidade de cruceiro, queremos comezar xa a traballar en serio xa que esta é unha grande oportunidade para a nosa provincia, tanto para convertela nun plató de cinema como polo efecto multiplicador que ten o audiovisual na actividade económica".
A presidenta confirmou que nesta rede provincial se implicarán as áreas de Turismo, Cultura e o SAIM (Servizo de Asistencia Intermunicipal).
A provincia de Pontevedra acollerá un plan de formación e capacitación dirixida ao sector público e privado local para atender correctamente as rodaxes, prestando servizo de apoio e asesoramento, así como tamén á xestión dos trámites e permisos e ao coñecemento das ferramentas que a rede estatal emprega.
Xunto á formación, tamén se realizarán prácticas e viaxes de familiarización para a captación de rodaxes estranxeiras, congresos, cursos de formación globais e accións de captación locais.
A creación da Pontevedra Provincia Film Commission como servizo público gratuíto da Deputación ten por obxectivo principal promover a provincia como destino de rodaxes, proxectos audiovisuais e cinematográficos, así como incrementar o seu posicionamento de marca a nivel nacional e internacional.