A Escola de Letras da Deputación e Galaxia preséntase na Feira do Libro de Frankfurt

Pontevedra
20 de outubro 2022

A presidenta da Deputación Carmela Silva amosou a vontade de internacionalizar e espallar a idea "por todo o mundo"

Presentación da Escola de Letras na Feira do Libro de Frankfurt Deputación de Pontevedra

Na Feira Internacional do Libro de Frankfurt a presidenta da Deputación Carmela Silva, presentou este xoves a Escola de Letras xunto ao seu director e tamén da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e a profesora e integrante do seu claustro, Inma López Silva.

Tanto Silva, como Castro e López fixeron fincapé na aposta decidida pola escritura e polo acceso á formación cultural a través da Escola de Letras, unha "extraordinaria idea" que cada ano atrae a máis persoas "que teñen o desexo de contar as súas historias".

Tamén amosaron a vontade de internacionalizar e espallar a idea "por todo o mundo". 

Carmela Silva asegurou que o resultado "está sendo todo un éxito, estamos a cumprir un soño, e vémolo porque cada ano as prazas que ofertamos esgótanse antes". 

Pola súa banda o director da Escola e da Editorial Galaxia, Francisco Castro, remarcou que "a Escola de Letras é un acto de amor pola literatura que parte da idea de que todo o mundo pode aprender a escribir literariamente". Explicou que non se trata dun espazo educativo, "aínda que tamén", senón dunha "iniciativa pedagóxica, dun lugar onde as persoas aprenden as técnicas para escribir un relato, enfrontarse a unha novela ou un poema". 

A escritora e profesora da Escola de Letras Inma López Silva subliñou e fixo fincapé tamén na experiencia e contacto co alumnado destacando que "como profesora o que máis me satisfai é ver que a nosa propia experiencia serve de exemplo para algo bo, para aportar ás escritoras e escritoras que veñen". 

A Deputación de Pontevedra e editorial Galaxia puxeron en marcha no 2020 a Escola de Letras, baixo a dirección de Francisco Castro, sendo pioneira en Galicia e unha das escasas a nivel estatal. A iniciativa arrancou co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 ofertou obradoiros a cargo de Inma López Silva, García Teijeiro, Diego Giráldez, Anna R. Figueiredo e Elvira Ribeiro. 

Coa presentación da Escola de Letras desta mañá na Feira do Libro de Frankfurt a presidenta Carmela Silva pecha a súa axenda na cidade alemá, onde compartiu encontros co ministro de Cultura, Miquel Iceta, coa directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, María José Gálvez, e coa Asociación de editores e editoras galegas, que este ano presentaron a súa oferta no stand da Federación de editores de España, así como con escritores galegos presentes na feira ademais de outros como Antonio Muñoz Molina ou Luis García Montero.