A Ferrería vibra con Sés nun concerto por "todos os que seguen loitando polos nosos dereitos"

Pontevedra
18 de agosto 2014

"Parece que isto está moi morto... ", cantou María Xosé Silvar nada máis saltar ao escenario da praza da Ferrería este domingo. A letra dunha das súas cancións máis coñecidas, Co xenio destrozado, non se correspondía co ambiente que se vivía na praza. Dende o primeiro minuto do concerto os asistentes e o ambiente estaban moi vivos e a praza aplaudiu, cantou e vibrou entregada

Público asistente ao concerto de Sés na Ferrería PontevedraViva

"Parece que isto está moi morto... ", cantou María Xosé Silvar, coñecida como Sés, nada máis saltar ao escenario da praza da Ferrería este domingo. A letra dunha das súas cancións máis coñecidas, Co xenio destrozado, do disco que leva o mesmo nome, non se correspondía en absoluto co ambiente que se vivía na praza. Dende o primeiro minuto do concerto os asistentes e o ambiente estaban moi vivos e a praza aplaudiu, cantou e vibrou entregada á cantante revelación.

Cando saíu ao escenario pouco despois das 21.00 horas parte do público esperábaa sentado no chan, pero poucos minutos despois Sés conseguiu que a práctica totalidade se puxese de pé e se implicase nun concerto que a cantante quixo dedicar a "todos os que seguen loitando polos nosos dereitos".

As súas cancións cargadas de mensaxe e ton reivindicativo cobraron maior forza acompañadas dun discurso no que se confesou "moi contenta de estar aquí hoxe en Pontevedra", tanto porque esta cidade é unha das que máis o atrae para tocar como polo día no que coincidiu a actuación, o Día da Galiza Mártir.

Ante o "luxo" de poder tocar o día en que se recorda o fusilamento de Alexandre Bóveda na Caeira (Poio), María Xosé Silvar acordouse do político pontevedrés e de "todos os que defenderon o que nós somos, pese a quen lle pese".

Xa á guitarra, recordou aos músicos e cantautores que tivo a sorte de escoitar na súa infancia, como o arxentino Cafrune, que "morreu por non acatar a lei do silencio", ao igual que "moitas persoas que foron axusticiadas ao longo dá historia" pola defensa das súas ideas.

Co seu discurso galleguista e feminista e un estilo que vai dende o blues ao rock e moi marcado polos ritmos do continente americano, Sés meteuse o público no peto. Soaron cancións do seu pimer disco, Admirando a condición (2011) e do segundo, Co xenio destrozado (2013), todos temas que xa interpretara en ocasións anteriores en Pontevedra, pero o público entregouse coma se fose a primeira vez. Foi a última das actuacións das Festas da Peregrina na Ferrería.