Este venres, no Teatro Principal de Pontevedra, tivo lugar a Gala de Cantos de Taberna.
Despois do parón causado pola pandemia, o Concello de Pontevedra e a Asociación Cultural Maravallada retomaron a grande festa dos cantos de taberna. Este evento que se comezou a celebrar no ano 2015, fai un recoñecemento a aquelas persoas ou entidades que, pola súa labor, teñen colaborado na difusión e engrandecemento da música popular galega, en especial a manifestación que da mesma se fai nas tabernas.
Conducida polo polifacético Luís Caruncho, quen leva mais de trinta anos traballando pola defensa da nosa cultura, contou coa presenza de representantes de todos os implicados na organización dos cantos de taberna na cidade de Pontevedra; Concello, grupos musicais, hostalería, asociacións culturais e seareiros que nestes últimos anos estiveron apoiando esta actividade.
A Gala homenaxeou ó grupo Fuxan os ventos entregándolles a Cunca Maravallada. Recolleron o prezado recoñecemento: Tereixa Novo, Carmen Vázquez, e Maruxa (María Dolores Fuciños)..Carmen Vázquez forma parte do grupo fundador que comezou a súa andaina no ano 1972. Tres anos despois, no comezo do máximo auxe da agrupación, sumaríase Tereixa Novo e Maruxa. As tres voces femininas subiron ó escenario en representación de todos os compañeiros presentes e pasados que conforman a historia deste proxecto musical que se mantén vivo desde hai 50 anos.
Fuxan os ventos é un referente popular da canción protesta en galego da primeira década da democracia. Tivo a súa orixe no coro do seminario menor de Lugo pero desde a gravación do seu primeiro disco no ano 1975, moitas das súas cancións convertéronse en verdadeiros éxitos populares e asentáronse de vez no imaxinario musical galego.
O éxito do grupo foi o motor para facer chegar á sociedade galega letras de poetas galegos que estaban fóra do alcance da poboación xeral. Fuxan os ventos foi quen de dignificar a musica popular e popularizar a literatura máis académica a través das súas cancións.
Desde a Asociación Maravallada pensaron que o 50 aniversario de Fuxan os ventos era unha magnifica ocasión para homenaxealos coa Cunca Maravallada en recoñecemento á promoción e difusión dos Cantos de Taberna pois non hai xuntanza que se prece que non inclúa algunhas das súas cancións coma O carro ou A Carolina.
Este ano foi o artesán de Rianxo Roberto Figueira o encargado de facer a obra e interpretar a idea de xuntar as tabernas e a musica coa que a Asociación Cultural Maravallada creou a Cunca Maravallada. Roberto Figueira tallou para a ocasión unha peza de madeira de castiñeiro e ferro unindo a súa pericia artesanal coa artística.
O grupo Tiruleque amenizou a Gala. Procedentes da música tradicional, a banda mesturou as fontes da música galega con outras variadas influencias acadando un son propio e inconfundible dentro do panorama musical galego.