A interesante mestura de Sés e Os Cempés convence o público da Praza de España

Pontevedra
15 de agosto 2015

Os Cempés trouxeron a Pontevedra a súa música folk nunha noite con moito público que concluíu co rock e o blues de Sés no seu reencontro coa xente da cidade de Lérez

Concerto de Sés e Os Cempés na Praza de España
Concerto de Sés e Os Cempés na Praza de España / Diego Torrado

Foi unha noite diferente dentro da programación de concertos das Festas da Peregrina e resultou unha mestura agradable.

Os Cempés e Sés animaron a noite do venres no escenario da Praza de España nunha interesante mestura de estilos musicais.

Os primeiros en comparecer ante o público foron Os Cempés, un grupo de Ferrolterra que trouxo a Pontevedra o seu repertorio folk, as súas ganas de bailar e a súa retranca sobre o escenario, que demostraron ao dirixirse ao público e asegurarse encantados de estar presente nas primeiras "festas de inverno" da cidade.

Non foi non obstante unha mala noite no climatolóxico, na que a coruñesa María Xosé Silvar, coñecida artisticamente como Sés, tomou a testemuña no seu reencontro co público pontevedrés.

O seu repertorio cargado de rock e blues, como o seu último traballo discográfico, Tronzar os valos, fixo disfrutar ao numeroso público presente.

A testemuña tómao este sábado unha dobre cita, cos pontevedreses Quatro D Abril na Ferrería e a festa Máxima FM na Praza de España.