A mellor cifra anual de visitantes ao Museo de Pontevedra da última década

Pontevedra
04 de xaneiro 2023

O Museo de Pontevedra pechou o ano 2022 contabilizando un total de 173.868 visitantes, o que supón 47.000 persoas máis que o ano anterior

Exposición da Bienal Internacional de Arte de Cerveira no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra pechou o ano 2022 satisfeito coas súas cifras, ao superar as estatísticas da última década en relación ao número anual de visitantes.

Segundo o balance da institución museística, o ano pechouse con 173.868 visitantes, alcanzando a cuarta posición na evolución desde 2005 e quedando ás portas do 2009, cando se chegou a 175.823  visitas.

O incremento en relación co ano anterior, 2021, foi de 47.000 visitas en gran medida pola recuperación tras a pandemia das visitas de grupos organizados, tanto escolares como doutra índole.

Os mellores meses foron outra vez agosto, no que se rexistrou o récord absoluto da década chegando ás 43.755 entradas, e tamén setembro (26.213), xullo (22.299) e outubro (19.149). 

Por orixe, o número de visitantes totais dos edificios Castelao e Sarmiento foi de 51.560 persoas, tendo a súa orixe en Galicia 34.721, no resto do estado 12.438 e no estranxeiro 4.401, sendo as máis numerosas as visitas chegadas de Portugal, Francia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña.

No que respecta ás Ruínas de San Domingos alcanzáronse 111.662 visitas, sendo o segundo ano máis numeroso desde 2004.

A nivel de contido a exposición de maior éxito foi a de 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', aberta entre o 4 de agosto e o 23 de outubro, con 14.402 visitas, seguida de 'Arte prehistórica. Da rocha ao Museo', con 10.053 persoas; 'A presenza invisible. Perfumes, Art Nouveau & Art Decó', con 4.150 e 'De Babiano Méndez Núñez a Mendoza Babiano', con 4.096 visitas.