A Orquestra Sinfónica de Galicia abre a nova tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra

Pontevedra
12 de outubro 2022

A Sociedade Filarmónica de Pontevedra convocou á súa asemblea xeral de socios para o vindeiro xoves 20 no Liceo Casino. Entre os puntos máis destacados da orde do día figuran a presentación do balance económico da sociedade, o nomeamento das vacantes na xunta directiva e atenderase ás propostas dos integrantes do colectivo cultural  

Orquesta Sinfónica de Galicia
Orquesta Sinfónica de Galicia / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

A Sociedade Filarmónica de Pontevedra convocou á súa asemblea xeral de socios para o vindeiro xoves 20 no Liceo Casino. Entre os puntos máis destacados da orde do día figuran a presentación do balance económico da sociedade, o nomeamento das vacantes na xunta directiva e atenderase ás propostas dos integrantes do colectivo cultural.

Resolto este trámite, o xoves 27 de outubro, ás 20,30 horas, terá lugar o primeiro concerto da tempada da Sociedade Filarmónica de Pontevedra. Estará a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de José Trigueros e actuando como solista o pianista Pablo Amorós. O concerto terá lugar no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra.

Para este concerto, Afundación, Obra Social de Abanca, poñerá entradas á venda a través de Ataquilla.com para todas as persoas que, non sendo socias da Sociedade Filarmónica desexen asistir. A Sociedade Filarmónica facilitará as entradas aos seus socios. Poderanse recoller os días 25 e 26 de outubro no local da Sociedade (baixos Teatro Principal, entrada pola rúa Tetuán) de 17,00 a 20,00 h., ou o mesmo día do concerto no vestíbulo do Auditorio de Afundación a partir das 19,00h.

Con este concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra inicia a tempada que ten programado para o próximo 7 de novembro, no Teatro Principal, o concerto de Tempus Trío, unha formación de violín, violoncelo e piano que interpretará un programa con obras de Beethoven e Schubert.

Igualmente no Teatro Principal o 21 de decembro actuará o Coro de Cámara Gli Appassionati e Camerata Arven. David Fiuza Souto dirixirá este recital dedicado ao Mesías HWV 56 de Haendel. Participarán como solistas a soprano María Lueiro García, a contralto Nuria Lorenzo López, o tenor Álvaro Miguélez Rouco, e o barítono Alejandro Moreno Domingo.

O 15 de xaneiro será o concerto do Cuarteto Gerhard de corda, unha formación residente no Palau da Música de Barcelona, que interpretará obras de Debussy e Shostakovich.

O 30 de xaneiro Pontevedra terá ocasión de gozar de Praeteritum Ensemble, nun espectáculo titulado “Morte e Resurrección” que dirixirá Pablo Suárez Clero e que propoñerá gozar de obras de Richard Strauss e Arnold Schönberg.

E para o 13 de febreiro anúnciase o concerto do pianista Martín García García con obras de Bach, Chopin e Schumann. Un mes máis tarde, o 13 de marzo, o protagonista será outro pianista, neste caso Ilia Papoian, cun programa dedicado a Clementi, Rachmaninov, Ravel, Medtner e Liszt.

Para o mes de abril anúncianse os concertos da Real Filharmonía de Galicia, o Cuarteto Nel Cuore e a Orquestra Sinfónica de Galicia, que despedirá o ciclo musical o 1 de xuño no auditorio da Fundación cun recital encabezado por Catherine Larsen-Maguire e no que Lucas e Arthur Jussen protagonizarán un dúo de pianos.