A Orquesta Sinfónica de Galicia actuará no auditorio de Afundación Pontevedra o vindeiro 27 de outubro ás 20.30 horas. O concerto está organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra e Afundación, Obra Social de Abanca.
Baixo a batuta de José Trigueros, e con Pablo Amorós ao piano, o recital consistirá na interpretación de Preludio á sesta dun fauno, de Debussy; Noites nos xardíns de España, de Manuel de Falla; e Sinfonía sevillana, de Joaquín Turina. As entradas para este concerto están á venda en Ataquilla.com.
Esta actividade enmárcase no programa de "Cultura por alimentos", que invita a que as persoas que participan das propostas de Afundación doen alimentos non perecedoiros, ao acudiren aos eventos, nos colectores habilitados ao efecto. As persoas que non sendo socias da Sociedade Filarmónica e desexen asistir a este concerto poderán adquirir as entradas a través de Ataquilla.com ou, o mesmo día do concerto, no vestíbulo do auditorio unha hora antes de comezar o mesmo. A Sociedade Filarmónica facilitará as entradas aos seus socios.
Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade en cuxo Palacio da Ópera ten a súa sede, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestais de maior proxección en España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.
A OSG foi orquesta residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998.
Ademais, a súa presenza nacional e internacional foi constante, con concertos nas mellores salas en España e con varias xiras por Alemaña e Austria.
En 2007 realizó unha xira por América do Sur —con concertos en Chile, Arxentina, Brasil, Uruguai e Montevideo—, a finais de 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena e en 2016 ofreceu dous concertos nos Emiratos Árabes.
Na súa discografía, para selos como Deutsche Gramophon, Sony, BIS, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts, figuran nomes como os de Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, Iván Martín, Manuel Barrueco —con quen foi candidata ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—, María Bayo, Juan Pons ou Ewa Podles, entre outros.
A OSG converteu a súa canle de YouTube na máis vista do sector en España e unha das máis visitadas a nivel europeo: con máis de cen mil subscritores, os vídeos da OSG superan os trece millóns de visualizacións no último ano desde un total de 227 países.
Foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.