A pegada de Alejandro de la Sota, eixo dun roteiro de arquitectura en Pontevedra

Pontevedra
12 de setembro 2018

Achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. É o obxectivo do programa que pon en marcha a Deputación de Pontevedra. Serán, en total, cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia

Casa Domínguez, de Alejandro de la Sota Deputación de Pontevedra

Achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. É o obxectivo do programa que pon en marcha a Deputación de Pontevedra. Serán, en total, cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia.

A cidade de Pontevedra será un deles. O roteiro, que analizará principalmente a pegada que deixou o arquitecto Alejandro de la Sota na Boa Vila, terá lugar o 10 de novembro.

Este itinerario, que partirá da Praza da Ferrería, concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota.

Está prevista a visita á intervención deste arquitecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na rúa Gondomar e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de San Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez.

Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.

O roteiro estará guiado por Felipe Senén López, membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, e a participación é gratuíta previa inscrición no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal. Para cada roteiro ofértanse 50 prazas e os percorridos faranse na súa maior parte en autobús e terán carácter circular.

Os outros catro paseos serán polas terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces (22 de setembro), centrado na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey; no Porriño e Mondariz-Balneario (13 de outubro) e Baiona (20 de outubro), visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios; e Vigo (27 de outubro), facendo una antoloxía arquitectónica do século XX.