A película '1982' inaugura un novo ciclo de Amal en Ruta

Pontevedra
03 de setembro 2023

O ciclo Amal en Ruta regresa este luns 4 de setembro ao Teatro Principal de Pontevedra coa proxección de '1982', unha película dirixida polo director Oualid Mouaness e que foi seleccionada para representar ao Líbano na 92ª edición dos Premios Óscar en 2020

Fotograma da película '1982', de Oualid Mouaness
Fotograma da película '1982', de Oualid Mouaness /

O ciclo Amal en Ruta regresa este luns 4 de setembro ao Teatro Principal de Pontevedra para inaugurar unha nova tempada de cinema euroárabe.

Ás 21:00 horas proxectarase '1982', un filme dirixido polo director Oualid Mouaness e que poderá verse en versión orixinal con subtítulos en castelán.

A película discorre durante o verán de 1982, o ano que cambiou O Líbano. Nas aforas da capital, Beirut, a vida permanece en tensa calma, mentres se escoitan explosións e disparos. Con ese telón bélico de fondo, Wissam, un neno de 11 anos, busca unha oportunidade para confesarlle o seu amor a unha compañeira de clase.

O seu director, Oualid Mouaness, naceu en Liberia e criouse entre Monrovia e Beirut. A súa carreira cinematográfica está ligada ao cine, a publicidade e aos vídeos musicais. A súa primeira longametraxe como director foi '1982', película que acabaría sendo seleccionada para representar ao Líbano na 92ª edición dos Premios Óscar en 2020.

Este ano, o ciclo de cinema constará de tres ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. As proxeccións serán do 4 ao 8 se setembro no Teatro Principal de Pontevedra ás 21 horas. O acceso ás proxeccións será libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.

As proxeccións continuarán o martes 5 co documental 'The Captains of Zaatari' o mércores 6 será a quenda para a película 'Farha' o xoves 7 proxectarase outro documental, 'Mayor' e finalmente o ciclo pecharase o venres 8 coa longametraxe de ficción 'You resemble me'.