A relación de María Victoria Moreno coa natureza e cos cans chega ao Teatro Principal

Pontevedra
10 de maio 2018

A obra 'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos' será representada pola compañía Matrioshka Teatro o vindeiro 15 de maio ás 21.00 horas. As entradas xa se poden adquirir a un prezo de 8 euros co desconto do 50% para estudantes, desempregados e xubilados

Presentación da montaxe 'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos', de Matrioshka Teatro Paula Sanmartín

As actrices Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo son as protagonistas de Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, unha obra que homenaxea a María Victoria Moreno.

As integrantes da compañía Matrioshka Teatro presentaban este mércores en compañía da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, este espectáculo que se representará no escenario do Teatro Principal o vindeiro martes 15 de maio ás 21.00 horas. 

A obra está baseada en traballos da escritora, que foi profesora dunha das intérpretes, Lorena Conde, que destacaba a colaboración por parte da familia, amizades e editoriais para poder conseguir material co que documentarse para crear este traballo no que se incide na relación que a autora mantivo coa natureza e en concreto cos cans.

Chelo do Rejo explicou tamén que a montaxe non é lineal ao manter unha estrutura na que se combina a realidade e a ficción. 

As entradas atópanse xa á venda, de forma anticipada, en Ticketea e na Casa da Luz a un prezo de oito euros máis gastos. Para estudantes, parados e xubilados o prezo redúcese á metade. 

A compañía Matrioshka tamén ten en marcha a través da súa web a campaña #señorasquemerecenunDLG #máisseñorasnasletrasgalegas coa que tentan recoller nomes de mulleres merecedoras dun recoñecemento por parte da Real Academia da Lingua Galega.