As Festas de Verán de Pontevedra volverán contar cun dos ciclos que, nos últimos anos, máis interese xerou nos meses estivais.
Trátase de 'Con voz de muller', a aposta municipal por dar ás artistas femininas máis vangardistas o lugar que se merece dentro dos festexos estivais.
O primeiro nome confirmado para a edición de 2026 é o dúo Gala i Ovidio.
Actuarán no escenario da Praza da Ferrería o mércores 29 de xullo, a partir do dez e media da noite.
A entrada será libre e gratuíta, como todos os concertos das Festas de Verán.
O dúo musical, formado por Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Raül Refree, rende homenaxe no seu nome aos fillos da escritora galega Rosalía de Castro.
Baixo a denominación de Gala i Ovidio apostan por unha proposta melódica sen fronteiras definidas, atravesando xéneros e identidades culturais.
Os dous artistas reuníronse para interpretar cancións tradicionais galegas e, inspirados por elas, atoparon novos territorios onde a tradición se intúe e os xéneros dilúense.
A Raül, produtor que traballou con Rosalía ou Silvia Pérez Cruz, gústalle dicir que Aida leva na súa voz ás mulleres galegas das últimas décadas e que este arraigamento lles permite experimentar sen perder a súa identidade.