A tradición da muiñeira une a 600 bailadores na avenida de Montero Ríos

Pontevedra
06 de xuño 2015

Pontevedra volveu vivir a celebración do Día da Muiñeira organizado por Duos Pontes, que chega a súa XLIV edición coa participación de 19 grupos folclóricos

Día da Muiñeira 2015 Daniel Santomé

Ata 19 grupos folclóricos procedentes de distintos puntos da provincia participaron na tradicional xornada do Día da Muiñieira, que chega a XILV edición, organizada pola Asociación Duos Pontes, en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación provincial.

Os grupos, coa presenza de 600 mozos e nenos, concentráronse ás 19.30 horas do venres na praza do Teucro e dende alí realizaron un desfile polo centro histórico da cidade ata a avenida de Montero Ríos, para alí mostrar as súas habilidades no baile tradicional galego.

O grupo invitado nesta ocasión foi a Asociación Cultural Trépia de Pontevedra que interpretou o Fandango de Manuel Villanueva, a Jota Cruzado de Piñeiro de Area, o Cantar de Seixedos, a Jota e Ribeirana de Pardalongas, a Jota Ribeirana e dous-pasos de Sabaxáns e a Ribeirana cruzada de Barcia de Mera.

As actuacións continuaron co baile da Muiñeira Mariñán a cargo dos menores de oito anos, que deron paso aos nenos de entre oito e trece anos que ofreceron a Muiñeira de Fozara. A continuación, os mozos maiores de trece anos bailaron a Muiñeira de Cances. a Muiñeira Movidiña, a Jota de Paulino e o Pasodobre de Bergantiños, coa participación de todo o público asistente.