Chega unha cita ineludible para os afeccionados ao jazz. A partir do luns 21 de xullo, as prazas da cidade encheranse de música de múltiples artistas que acoden á cita anual co Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que chega xa á súa vixésimo segunda edición.
Nesta ocasión, a voz terá unha importancia fundamental coa presenza de artistas internacionais de primeiro nivel. O luns, o pontevedrés Gabriel Peso liderando o Trío que leva o seu nome subirase ao escenario da Praza do Teucro ás 22.30 horas. O martes, no mesmo escenario, chegará a quenda de Marcos Pin Factor L-Reset, unha agrupación formada por valores destacados da escena jazzística galega.
O mércores 23, Richard Bona centrará a atención de todos os que se pasen pola Praza da Ferrería a partir das 22.30 horas. O baixista e multiinstrumentista de Camerún é unha figura destacada polos seus traballos de combinación de estilos.
Robin McKelle and The Flytones ofrecerán soul de calidade no escenario da Ferrería o xoves 24, a cantante conta cun estilo propio que o levou a compartir escenario con David Bowie e Carly Simon.
O veterano Eric Bibb, con 39 álbums gravados, atrapará o público pontevedrés coa súa prodixiosa voz o venres 25 para que a enerxía de Xan Campos Trio peche o Festival o sábado 26.
A estes grandes concertos hai que sumar as Jam Sessions na Praza de Méndez Núñez e o Jazz pola rúa a cargo da Street Band.
Todas as actividades son ao aire libre e gratuítas.