A Xunta aposta por declarar Ben de Interese Cultural o xacemento de Adro Vello

O Salnés
26 de febreiro 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo visitou este mércores este lugar arqueolóxico grovense, salientando que se trata dun "espazo moi vencellado á tradición xacobea" e subliñando a súa potencialidade para turismo cultural para o Salnés

Vila romana de Adro Vello (O Grove) Deputación de Pontevedra

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou este mércores co alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e diferentes representantes veciñais, o Adro Vello, un importante xacemento arqueolóxico sito ao bordo da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente.

Román Rodríguez destacou a privilexiada ubicación deste ben "cunha grande potencialidade vencellada ao turismo cultural" para o conxunto do Salnés, e valorou positivamente iniciar os estudios previos necesarios para proceder á incoación da súa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

A preguntas dos xornalistas, o titular de Cultura e Turismo lembrou a importante pegada xacobea do xacemento, aludindo á moeda de Adro Vello, unha peza do século XII que representa a traslatio apostólica. E cualificou este espazo patrimonial como "un punto estratéxico da tradición xacobea que compre potenciar e mellorar con vistas á celebración do Xacobeo 2021".

Así mesmo, agradeceu "a implicación o compromiso e a complicidade de todos", sinalando que a declaración de BIC ten que ser o primeiro paso para mellorar este enclave no que todas as administracións competentes, nominalmente, a Xunta, o Concello, a Deputación e o Estado, se alíen para poñelo en valor.

Trátase dun xacemento complexo, onde se constata unha ocupación desde época romana. Entre os restos atopados destacan a factoría de salgadura dos séculos I-III, a vila romana (III e IV d.C.), a necrópole, que ten unha cronoloxía que se estende desde a época tardorromana até a Idade Moderna, unha igrexa do século VII e unha torre defensiva medieval.