Abertas as inscricións para un obradoiro de poesía con Dores Tembrás e Antía Otero

Pontevedra
03 de setembro 2025
Actualizado: 7:51

A actividade, enmarcada no programa "Mulleres de Palabra(s)", promovido pola Deputación de Pontevedra, busca achegar a obra de autoras galegas contemporáneas e atallar prexuízos co xénero poético

As poetas Dores Tembrás e Antía Otero Xunta de Galicia - Apiario

A Deputación de Pontevedra lanza un novo obradoiro de poesía titulado "Poetas coma Lóstregos. Ler a Poesía que Refulxe", enmarcado no programa "Mulleres de Palabra(s)" do Ateneo Provincial pola Igualdade.

A actividade, que será impartida polas poetas Dores Tembrás e Antía Otero (do proxecto literario Apiario), ofrecerá 20 prazas e as inscricións xa están abertas a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es.

O obradoiro desenvolverase en catro sesións, os días 18 e 25 de setembro e o 2 e 9 de outubro, en horario de 19:30 a 21:30 horas, no Edificio administrativo da institución provincial.

"Poetas coma Lóstregos" é unha oportunidade para achegarse á palabra poética a través da produción literaria de destacadas autoras galegas contemporáneas como Xohana Torres, Luisa Villalta, Carmen Pereiras, Ana Romaní, Lucía Aldao, María Lado, Susana Aríns e a propia Antía Otero.

O obxectivo principal é atallar os prexuízos co xénero poético e afondar no acontecemento poético, abordando conceptos como o silencio, a música do poema, o ritmo, o poder de suxestión, a evocación, o corte do verso ou a imaxe.

As persoas participantes serán tamén protagonistas a través das súas lecturas, destacando os motivos centrais e obsesións que configuran a singularidade de cada proposta.

Este obradoiro forma parte de "Mulleres de Palabra(s)", unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que reivindica a palabra das escritoras do pasado e de 15 autoras actuais da provincia. Durante seis meses, o programa desenvolve conversas, lecturas, recitais e outros obradoiros centrados na poesía, a narrativa e o bordado de palabras, sempre con perspectiva de xénero.