Un ano máis, as veciñas e veciños de Portas de entre 12 e 30 anos poderán gozar de descontos especiais para asistir ao festival PortAmérica, que se celebrará no recinto da Azucreira os días 3, 4 e 5 de xullo.
Este ano, ademais, como novidade, tamén as persoas maiores de 30 anos empadroadas en Portas poderán adquirir o seu abono con desconto.
O prezo dos abonos será de 20 euros para os menores de 30 e de 50 euros para os maiores desa idade. Tamén deberán pagar os gastos de xestión correspondentes.
Así o deu a coñecer esta fin de semana o Concello de Portas, que presenta esta iniciativa como parte do seu compromiso co acceso á cultura da mocidade local a través do programa 'Portas Xove'.
Para beneficiarse destas tarifas especiais, será necesario solicitar un código personalizado nas oficinas do Concello, presentando o DNI, e empregalo na plataforma oficial de venda de entradas do festival.
As entradas serán nominativas e intransferibles, co fin de garantir unha distribución equitativa e evitar usos indebidos.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, destaca que esta iniciativa "permite achegar á mocidade á cultura e garantir que toda a veciñanza de Portas poida gozar dun evento de primeiro nivel a prezos accesibles".
PortAmérica 2025 terá no seu cartel a artistas como Emilia, Melendi, Love of Lesbian, Mikel Izal, Viva Suecia, Duncan Dhu, Iván Ferreiro, Sidonie, La La Love You ou No Te Va Gustar, entre outros moitos.
Ademais da programación musical, o festival contará cunha nova edición do multipremiado ShowRocking, considerada a maior cociña efémera do mundo, liderada polo recoñecido chef Pepe Solla. Máis de 30 chefs de prestixio internacional ofrecerán máis de 20.000 petiscos a prezos populares, creados en exclusiva para o evento.
Estarán en Portas cociñeiros como Albert Adrià, Jordi Roca, Vicky Sevilla, Janaina Torres ou Vasco Coelho Santos.