Portas volve a asumir o custe das entradas do PortAmérica para a mocidade do municipio

Umia
20 de marzo 2023

Os mozos entre 16 e 30 anos poderán retirar nominalmente as súas entradas nas oficinas municipais durante o mes de abril

Festival PortAmérica 2022
Festival PortAmérica 2022 / Mónica Patxot

O Concello de Portas acaba de renovar o acordo coa organización de PortAmérica a través do cal os veciños empadroados no municipio, antes do 1 de marzo, de entre 16 e 30 anos de idade que desexen acceder aos concertos dos días 13, 14 e 15 de xullo poidan facelo de xeito gratuíto. 

Os mozos de Portas que desexen asistir ao PortAmérica e que estean empadroados no municipio deberán retirar as invitacións nas oficinas municipais durante todo o mes de abril, en horario de atención ao público de 9 a 13 horas, previa identificación individual e comprobación que realmente figuran como inscritos como residentes no municipio. Máis información no teléfono 986 53 61 61.

Na presente edición do festival estarán en Portas artistas de tanta relevancia como Sebastián Yatra, M Clan, Loquillo, Jorge Drexler, Deluxe, Guitarricadelafuente, Bad Gyal, Conociendo Rusia, Dani Fernández, Ortiga e Pili Pampín ou Sexy Zebras. 

Ademais da música tamén será protagonista a gastronomía da man dun showrocking no que participarán, entre outros, afamados cociñeiros como Pepe Solla, a colombiana Catalina Vélez, o mexicano Fabián Delgado, o vasco Andoni Luis Aduriz, o vigués Diego Novás, o lucense Héctor López, o ourensán Xosé Magallaes, a valenciá Begoña Rodrigo, o grovense Javier Olleros ou o mexicano Tomás Bermúdez.