Abraham Mateo, Luz Casal, Macaco e Sés, estrelas musicais das Festas da Peregrina

Pontevedra
21 de maio 2015

A Semana Grande das Festas do Verán contará tamén coas actuacións do grupo heavy Warcry, M-Clan, Los Panchos e Rodrigo Romaní entre o 8 e o 17 de agosto. Todos estes concertos serán na praza de España

Abraham Mateo http://www.abrahammateoofficial.com

O cantante, compositor e actor Abraham Mateo, auténtico referente musical para os adolescentes, será unha das principais estrelas musicais que visiten Pontevedra para ofrecer un concerto gratuíto o 10 de agosto durante as Festas da Peregrina na Praza de España.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou durante a mañá deste xoves 21 as distintas actuacións previstas para estas Festas de Verán coa programación da Semana Grande da Peregrina entre o 8 e o 17 de agosto. Segundo explicou, estas diferentes ofertas artístas destacan pola calidade e a variedade de estilos.

Desta forma, o sábado 8 será o grupo metal Warcry que suba ao escenario da Praza do Concello. Ao día seguinte, o domingo 9, a banda de pop rock M-Clan ofrecerá un repaso dos mellores temas da súa carreira musical ao longo dos últimos vinte anos.

Tras o recital de Abraham Mateo que fará as delicias dos pontevedreses máis novos e que seguramente arrastrará numerosos fans doutras localidades, o martes 11 chegará Macaco á cidade. O artista barcelonés presentará o seu último traballo discográfico 'Historias tattooadas', con quince cancións sentimentais sobre o corazón e a mente.

Luz Casal será a protagonista da noite do mércores 12. A veterana artista, segundo indicou Carme da Silva, leva moitos anos sen actuar de forma gratuíta no ámbito de Pontevedra e sinalou que a cantante de Boimorto atraerá público de todas as idades ata a Praza de España, que ofrecerá un recital cun repaso aos seus temas clásicos e aos do seu último traballo, 'Almas gemelas'.

O xoves 13, día da Batalla de Flores, a formación que mantén o nome de Los Panchos actuará na Praza da Ferrería durante esa noite. O venres, a cantante galega Sés acompañada polos Cempés ofrecerá un dos seus enérxicos concertos que, segundo a concelleira,conlevará "moita festa". Durante o sábado 15 celebrarase o espectáculo de Máxima FM.

Carlos Jean, músico, produtor, re-mesturador, DJ e cantante español, ofrecerá un concerto o domingo 16 na praza do Concello. O calendario de actuacións dentro desta Semana Grande finalizará o luns 17 co ex compoñente de Milladoiro, Rodrigo Romaní, na Ferrería, dentro dos actos de celebración do Día de Galiza Mártir.

Todos os concertos das Festas da Peregrina serán gratuítos.