‘Acorda’, o documental sobre a memoria histórica, chega este venres ao Ourense Film Festival

Pontevedra
28 de setembro 2021

A peza audiovisual producida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra proxectarase este venres 1 de outubro no Teatro Principal de Ourense e optará ao Premio Xacobeo de cine galego

Equipo técnico, artístico e colaboradores no documental ‘Acorda’
Equipo técnico, artístico e colaboradores no documental ‘Acorda’ / Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

O documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, a peza audiovisual producida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra que dirixe María Ortega, proxectarase este venres 1 de outubro no Ourense Film Festival.

Preestreado en Pontevedra o pasado 17 de setembro, ‘Acorda’ estrearase oficialmente no Teatro Principal ourensá ás 17 horas de maneira previa á gala de clausura da sección oficial do festival, onde se entregarán todos os galardóns. Optará ao Premio Xacobeo, un galardón transversal para calquera película de produción ou coprodución galega que participe no certame e que será concedido por unha comisión formada pola Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.

A produción pontevedresa será proxectada dentro do ciclo temático ‘Panorama Galicia’, no que tamén se incluíron pezas como ‘Clown’s planet’, de Héctor Carré, ‘Devolvendo o golpe’ de Carlos Prado; ‘Doppelgänger’, de Paco Guitián e Tadeo Publieso; ‘El encuentro’, de Marcos Fernández; ‘No hay futuro’, de Ignacio Benedetti; ‘Capuchóns’, de Íñigo Rolán; ‘Os tempos mortos (do Fürer)’ de Daniel R. González, ‘Polavisión: un fallo instantáneo’, de Álex López; ‘Tierra de leche y miel’ de Héctor Domínguez, Carlos Mora e Gonzalo Recio; e finalmente ‘Persoas SA’ de Carmen PG Granxeiro.

A peza documental conta coa dirección artística de Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, a Lois Pérez no guión e a Montse Fajardo como asesora de contidos.