Acrobacias e música en directo nunha nova xornada de Domingos do Principal

Pontevedra
04 de febreiro 2018

O espectáculo Amigoo, de Mumusic Circus, protagonizou este 4 de febreiro unha nova xornada de Domingos do Principal cunha dobre sesión na que non faltaron bailes e acrobacias

Amigoo, de Mumusic Circus en Domingos do Principal Diego Torrado

"Un fragmento nas vidas dun home e unha muller. Un circo entre dous. Anaquiños de intimidade nunha travesía xestual e musical cara o máis profundo e sincero de cada un".

Así se promociona o espectáculo Amigoo, de Mumusic Circus, protagonista este domingo 4 de febreiro no ciclo familiar Domingos do Principal.

Bailes, acrobacias, equilibrios e música en vivo para entreter a nenos e maiores nunha cita que substituía no calendario a Refugie Poetique de Claire Ducreux, suspendida por motivos de saúde da bailarina protagonista.

Amigoo protagonizou unha dobre sesión no Teatro Principal, ás 12:00 e ás 18:30 horas, nunha nova xornada do ciclo escénico.

Debido ás celebracións de entroido, Domingos do Principal descansa agora unha semana para volver o día 18 de febreiro co Concerto Singular de Píscore.