Actividade infantil para recrear os panos de Castelao sobre a Polifónica esta Semana Santa

Pontevedra
07 de abril 2025

Os obradoiros de colaxe celebraranse os días 15 e 16 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, e as inscricións abren este mércores

Obradoiro infantil no Museo Museo de Pontevedra

As nenas e nenos poderán converterse en artistas interpretando co seu deseño e a súa perspectiva os históricos panos que Castelao deseñou para a Sociedade Coral Polifónica.

O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros de colaxe durante as vacacións de Semana Santa: o martes 15 para cativos de 6 a 9 anos e o mércores 16 para idades entre 9 e 12 anos, ambos en horario de 11 a 13 horas.

Os participantes traballarán con dous dos panos máis emblemáticos: o pano de boca de San David, co logotipo da Polifónica e unha trama floral, e unha escena de romaría baseada nun bosquexo de Castelao que Germans Salvador elaborou en 1986. Mediante bosquexos a lapis, papel de calco e cartolinas de cores, os pequenos artistas crearán as súas propias composicións.

Esta actividade enmárcase na exposición do centenario da Polifónica (1925-2025), que permanecerá aberta ata o 20 de febreiro.

A mostra inclúe reproducións a gran escala de cinco dos dez panos de escena que Castelao creou entre 1926 e 1934, algunhas pezas que acadan os 10 metros de longo por 5 de alto.

As familias interesadas poden inscribirse a partir deste mércores 9 de abril ás 10 horas a través da web do Museo.

Escena de romaría baseada nun bosquexo de CastelaoMuseo de Pontevedra

A actividade forma parte da programación especial que conmemora o século de historia desta institución musical, fundada por Antón Losada Diéguez, Antonio Iglesias Vilarelle e o propio Castelao.