Analizan e anuncian novas accións para impulsar o papel das mulleres na literatura

Pontevedra
05 de febreiro 2022

O Salón Nobre do Castelo, no que naceu o Manifesto de Soutomaior, acolleu na tarde deste venres un novo encontro das creadoras galegas unidas en torno a este documento reivindicativo no que se avoga pola igualdade en todos os ámbitos da escrita

Encontro das mulleres da escrita asinantes do Manifesto de Soutomaior
Encontro das mulleres da escrita asinantes do Manifesto de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

O Salón Nobre do Castelo, no que naceu o Manifesto de Soutomaior, acolleu na tarde deste venres un novo encontro das creadoras galegas unidas en torno a este documento reivindicativo no que se avoga pola igualdade en todos os ámbitos da escrita.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á creadora e impulsora do Manifesto, Isabel Blanco, recibiu á presidenta da asociación 'Clásicas y Modernas', Fátima Anllo, Silvia Penas, Edurne Baines, Silvia Cernadas, Arantza Portabales, Mercedes Corbillón ou Mariana Carballal.

Durante o acto, Silva fixo un balance destes meses e confirmou ata 31 novas adhesións ao Manifesto de Soutomaior, e mostrou a súa satisfación pola conciencia que se está a xerar en diversos ámbitos da sociedade na procura dun mundo máis igualitario en todos os ámbitos e, de xeito especial, na cultura e na escrita.

Anunciou tamén a incorporación ao Manifesto de novos organismos como a Fegamp, as Deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña, os Reitorados da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña; concellos da provincia como A Guarda, Vilagarcía, O Grove, Baiona, Caldas de Reis, Meis, Nigrán, Poio, Ponteareas, Silleda, Tui, Vilaboa, Gondomar, Redondela, Salceda de Caselas, Forcarei e A Illa de Arousa; e municipios de outras provincias galegas como Santiago de Compostela, Allariz e Vilar de Barrio. Tamén de entidades do ámbito da cultura como a Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural, Fundación Olga Gallego, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Asociación Galega de Editoras.

Pola súa banda, a escritora Isabel Blanco, explicou as múltiples propostas de accións que se van a realizar como a constitución da comisión de seguimento do Manifesto, a creación dun Observatorio para definir o regulamento, funcións, composición e metodoloxía de traballo, e a remisión á administración competente en materia de educación e ás editoriais de libros de texto dunha proposta para a inclusión das escritoras galegas nos plans de estudo.

Tamén formalizaron a elaboración de propostas concretas para o recoñecemento das obras e traxectoria das escritoras galegas así como da labor das entidades que promoven e favorecen a igualdade das autoras e editoras a través duns galardóns que serán convocados pola Deputación de Pontevedra.

Finalmente, trataron a dunha proposta consensuada para que as mulleres ocupen cadeiras na Real Academia Galega na vindeira década, a creación dunha figura
que evidencie e dea a coñecer publicamente as entidades que poñan en práctica as malas praxis que afianzan e perpetúan a inxusta situación das mulleres na escrita, así coma creación dunha caixa de correo na que se recollan suxestións, denuncias ou queixas neste ámbito.