Andrea Davila e Carlos Fer, dous Novos Valores que viaxan a Madrid e Bruxelas co apoio do Museo

Pontevedra
28 de febreiro 2025

Os artistas escollidos participarán nas residencias Novos Valores, un programa da Deputación de Pontevedra para apoiar a creación emerxente e internacionalizar o talento artístico galego

Presentación dos artistas seleccionados, Andrea Davila e Carlos Fer, xunto a diretora do Museo de Pontevedra e  vicepresidente da Deputación
Presentación dos artistas seleccionados, Andrea Davila e Carlos Fer, xunto a diretora do Museo de Pontevedra e vicepresidente da Deputación / Concello de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra anunciou a mañá do venres 28 de febreiro os nomes dos primeiros artistas que participarán nas residencias artísticas Novos Valores.

Andrea Davila Rubio e Carlos Fer desenvolverán os seus proxectos na Fundación Nicole & Walter Leblanc en Bruxelas e en Matadero Madrid, respectivamente. 

Esta iniciativa reforza o apoio á creación emerxente e á internacionalización do talento artístico galego.

A presentación do programa contou coa participación do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, quen estivo acompañado dos artistas seleccionados, da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, así como de María Inés Rodríguez, directora da Fundación Nicole & Walter Leblanc, e Luisa Espino, responsable das residencias de Matadero Madrid.

O proxecto busca recuperar a esencia das históricas pensións artísticas da Deputación, permitindo que os novos creadores poidan vivir unha experiencia enriquecedora en contornas culturais de prestixio.

As obras creadas durante as residencias serán expostas na 32ª Bienal de Pontevedra.

A directora do Museo de Pontevedra manifestou a importancia de fortalecer este tipo de axudas para os creadores emerxentes. 

Cada artista recibirá unha bolsa de 9.500 euros para apoiar o seu traballo durante a residencia.

Andrea Davila Rubio, especializada en escultura contemporánea e estudos culturais, explorará a relación entre o corpo humano e a contorna no proxecto ‘The body is earth, which becomes garden at the touch of water’.

O seu traballo baséase nunha visión feminista posthumana, afondando nos vínculos entre a corporalidade e o medio natural.

Carlos Fer, artista multidisciplinar e comisario con experiencia en docencia e eventos culturais, desenvolverá o proxecto ‘Exercicios para colgar unha pintura’.

A súa investigación céntrase en como a disposición dun cadro inflúe na súa percepción e interacción co espectador.

As intitucións, Fundación Nicole & Walter Leblanc e Matadero Madrid, destacaron a importancia de fomentar novas perspectivas sobre a arte e a investigación artística.

Este proxecto sitúa a Pontevedra como un referente na promoción da arte contemporánea, reforzando a conexión entre os artistas galegos e o contexto internacional.