O Cullturgal vén de desvelar o que será un dos espectáculos principais da súa décima edición. Trátase do concerto de Andrea Pousa, que presentará en directo os temas que se inclúen no disco Respirar, o seu primeiro traballo musical en solitario. Será o 2 de decembro no auditorio do Pazo da Cultura.
Andrea Pousa defínese como unha artista atlántica e con Respirar pon enriba do escenario os seus anos de experiencia e formación.
Producido polo compositor e músico Nani García, trátase dun disco elaborado con moito gusto que sabe sacar a esencia de Andrea Pousa: creatividade, sensibilidade, dozura e temperamento.
Andrea Pousa estudou canto e interpretación durante máis de dez anos e foi membro do grupo vocal femenino vigués de arte creativa Sueño de Calíope. É, ademais, a voz principal de Keltia O Musical, que transmite a espiritualidade da cultura celta e romana, o seu contacto coa natureza, tradición e a súa esencia.
Con máis de 15 anos de experiencia sobre os escenarios, Andrea Pousa está a presentar por todo o país este disco composto de cancións interpretadas en galego, castelán e portugués. Todas elas son cancións orixinais, excepto unha versión innovadora da coñecida Negra Sombra de Rosalía de Castro e Xan Montes.
O concerto dará comezo ás 21 horas e as entradas xa están á venda en ataquilla.com.