O Culturgal chega á súa décima edición con máis casetas que nunca e con novas propostas. Do 1 ao 3 de decembro, o recinto feiral do Pazo da Cultura acollerá esta feira da industria cultural, que seguirá presentando actividades renovadas, visuais e optimistas, segundo apuntaba Manuel Bragado, presidente da Fundación Culturgal.
Cinco administracións públicas e 120 empresas privadas participan nesta cita coa cultura de Galicia á que se espera que asistan ao redor de 15.000 persoas, como sucedeu nos últimos anos.
Este luns presentábase o programa da feira no Pazo da Cultura, que estará marcada por dúas grandes novidades, a aproximación á actividade artística, escénica, musical e literaria do norte de Portugal e a inclusión da industria da arte contemporáneo nesta cita, que contará co seu propio espazo na zona onde noutras edicións quedaba habilitada como sala de exposicións.
O director da feira, Xosé Aldea, destacaba dentro das decenas de actividades que se van a desenvolver durante eses tres días o espectáculo de Andrea Pousa, que presentará o seu disco 'Respirar', o sábado 2 ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. O domingo 3 ás 12.00 horas, no mesmo escenario, Mama Cabra presentará o seu novo álbum 'Eu cociño, ti cociñas?'.
Serán os dous espectáculos de pago nun Culturgal que segue mantendo as entradas ao mesmo prezo de hai cinco anos. A entrada diaria custará 2 euros para adultos e 1 para menores de entre 12 e 3 anos, mentres que os bonos serán ao prezo de 3 e 2 euros respectivamente.
Os asistentes poderán ver as 127 casetas que se instalarán e votar aos tres aspirantes ao Premio do Público Culturgal: FIOT Carballo, Play-Doc e Portal das Palabras. Pero ademais, os que se acheguen ao Pazo durante os tres primeiros días de decembro terán a oportunidade de disfrutra de contos procedentes de Portugal, escoitar fados procedentes do Porto, gozar de teatro infantil de Mandrágora ou dun espectáculo do Centro Dramático de Viana do Castelo, '(i)migrantes', no Teatro Principal de Pontevedra o domingo 3 ás 20.00 horas.
O venres 1, a actividade centrarase no programa profesional con, entre outras propostas, mesas de traballo sobre a escena galega en relación co Norte de Portugal para tentar que se estableza unha circulación escénica transfonteriza. As actuacións chegarán a cargo de Matrioskas e de atrás Tigre.
O sábado 2 de decembro presentarase o libro 'Invisibles. De homes e mulleres. De maltratadores e torturadas', escrito por Montse Fajardo, tamén se analizará a chegada a Galicia do Pergamiño Vindel, que se atopa no Museo do Mar, en Vigo e presentarase o último traballo de Teresa Moure, 'Um elefante no armário'. A música na carpa virá da man do Carballiño vivo, co Coro Encaixe e a presentación do disco Zircus Affe da Banda Crebinsky.
O domingo 3, Elefante Elegante presentará o disco Àr na carpa onde Argonat Band ofrecerá un concerto do mesmo xeito que A Panadaría ofrecerá un recital-performance.
A cita cultural tamén permitirá ver cinema realizado en Galicia, a través dun programa coordinado por Agapi. E os máis pequenos volverán contar co espazo infantil Deleite con diversas actividades como a celebración do quinto aniversario de María Fumaça, un concerto PunkInfantil ou un taller de arquitectura. Ademais haberá un espazo para a ciencia.
O Espazo Arte Contemporánea acollerá en ao redor de mil metros cadrados diferentes presentacións, mesas redondas, obradoiros e a exposición do Proxecto Hefesto, con arte inclusivo, no que participan varias asociacións de axuda a persoas con discapacidade.
Á presentación deste luns asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director do Agadic, Jacobo Sutil; a xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o deputado de Cultura, Xosé Leal e a concelleira pontevedresa Carmen Fouces.