Andrés Calamaro actuará en Sanxenxo o próximo 25 de xullo, será no Costa Feira segundo anunciou a organización deste festival que tamén confirmou os concertos de Hombres G (3 de agosto) e Taburete (21 de agosto).
Cantante, músico, compositor e produtor discográfico, Andrés Calamaro é un dos cantautores arxentinos máis recoñecidos e internacionais do país.
Irmán do tamén músico Javier Calamaro, Andrés leva desde os 10 anos vivindo para compoñer cancións. Desde entón dedicou a súa vida á música e traballou tanto como instrumentista de sesión como compoñente de innumerables grupos: B. O. V.Dombe, Chorizo Colorado Blues Band, Los Abuelos de la Nada, Proyecto Erekto e moitos outros, amén do famosísimo Los Rodríguez.
Aínda que Los Abuelos de La Nada, fundado en 1967, publicou 4 discos de estudo e tivo un notable éxito en Arxentina, foi con Los Rodríguez cando Andrés Calamaro consagrou a súa fama. O guitarrista e Ariel Riot refundaron o grupo en Madrid, xunto aos españois Germán Vilella e Julián Infante. Influenciados por bandas como Tequila ou The Rolling Stones, tiveron unha enorme repercusión que a día de hoxe aínda continúa existindo. Progresivamente, Andrés Calamaro foi sobresaíndo compositivamente con respecto aos seus compañeiros, ata que decidiu dedicarse en exclusiva á súa carreira en solitario.
Desde entón, cultiva a súa traxectoria persoal entre América e España, compoñendo cancións en castelán que mesturan o rock clásico cos sons populares dos países hispanohablantes, ademais doutras influencias externas como o jazz.