Ángel Paz presenta o rock feminista de 'Rostros invisibles' ante o público pontevedrés

Pontevedra
23 de maio 2019

O músico e compositor pontevedrés ofrece este venres 24 na Sala Karma un concerto de presentación do seu primeiro traballo en solitario baseado nas historias reais do libro 'Invisibles' de Montse Fajardo

Ángel Paz e Bea Campos, na presentación de 'Rostros invisibles' Mónica Patxot

Ángel Paz sobe este venres 24 de maio ao escenario para presentar ao público pontevedrés o seu primeiro traballo en solitario, 'Rostros Invisibles'. Un proxecto que leva o selo de rock feminista. Rock, porque é o terreo que lle gusta. Feminista porque é unha chamada a voz alzada (a de Rodrigo Valiente) á denuncia da violencia física e psíquica exercida sobre as mulleres. 

Non foi ao xenérico, baixou ata as páxinas do libro 'Invisibles' de Montse Fajardo para compoñer as cancións. Elas, ademais da súa nai ou a súa avoa, son as mulleres que deron forma ás letras. Desta forma emprega “a música, o rock con valores de concienciación social”, dixo na presentación que tivo lugar no CITA este pasado xoves.

A xornalista arousá sinalaba que "me segue parecendo sorprendente que outras persoas, outros creadores, queiran levar o libro e as súas historias ao seu terreo, contalo á súa maneira". Tampouco faltou a actriz pontevedresa Beatriz Campos, quen protagoniza o vídeo promocional deste proxecto, así como a concelleira da área de Muller, Carmen Fouces e a do Rural, Pilar Comesaña. 

Ángel Paz non é un afeccionado, é diplomado en Maxisterio Musical; foi o primeiro alumno en obter o Diploma Profesional en Rock e Música Moderna, é Máster en Musicología Aplicada e graduado 'Summa Cum Laude' no Berklee College of Music, en Boston.

A Sala Karma é o lugar onde se ofrecerá este primeiro concerto de presentación a partir das 22.00 horas.