Antesala dos Mestre Mateo en Pontevedra, con premios para 'Cos pés na terra', 'Bibopalula' e 'Clanes'

Pontevedra
28 de febreiro 2025

O Pazo Provincial acolleu o encontro de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo, que se entregarán en Lalín o 15 de marzo. A reunión iniciouse coa entrega dos premios especias

Xuntanza finalistas XXIII Premios Mestre Mateo Mónica Patxot

O programa 'Cos pés na terra' e as series 'Bibopalula' e 'Clanes' foron este venres os grandes protagonistas da primeira gran cita da edición XXIII dos Premios Mestre Mateo.

O Pazo Provincial, sede da Deputación de Pontevedra, acolleu o encontro de finalistas dos premios, a antesala da gala de premios que se celebrará en Lalín o 15 de marzo, unha cita que comezou coa entrega dos premios especiais a este tres produtos audiovisuais.

José Luís Ramírez Matos, director de zona de Pontevedra Metropolitana de Abanca foi o encargado de entregar o Premio Abanca ao impulso da sustentabilidade ao programa 'Cos pés na terra', unha serie producida por Filmax para a CRTVG sobre xente que tomou unha singular decisión vital: facer do rural o seu futuro.

Premióuselle por contar desde 2011 a través de máis de 200 programas "as pequenas e grandes historias de persoas que apostan polo rural como medio de vida, ensinando como seguen adiante cada día, con esforzo e esperanza, promovendo unha cultura de amor e coidado polos recursos naturais".

Marcial Gende, representante de Deleite, entregou o Premio Deleite á promoción da lingua á serie 'Bibopalula', a primeira serie musical de debuxos integramente en galego. O proxecto foi creado por Laura Mahía e Andrés Mahía e producido por Undodez coa Televisión de Galicia.

Esta serie foi premiada "por ofrecer a unha nova xeración de nenos e nenas a posibilidade de gozar dunha serie de animación feita na nosa lingua, e transcender o audiovisual a través dunha ampla oferta de contidos complementarios que sinalan un camiño cara un escenario máis optimista para o futuro do galego".

Xoan Allegue, presidente das Adegas Martín Códax, foi o encargado de entregar o Premio Martín Códax Rías Baixas, Fillo do Atlántico a 'Clanes', unha serie dirixida por Roger Cal e protagonizada por Tamar Novas, Clara Lago, Xosé A. Touriñán, Melania Cruz, Francesc Garrido, Miguel de Lira e Diego Anido entre outros.

Nesta ocasión, levou o premo "pola autenticidade e espectacularidade coa que se retrata a riqueza paisaxística da comarca dO Salnés, como marco e escenario principal dunha trama de thriller, intriga e romance, que cultiva éxitos de audiencia a nivel mundial".

No acto estiveron presentes Álvaro Perez Becerra e Saamira Ganay, presidente e secretaria da Academia Galega do Audiovisual; o presidente e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Luís López e Rafa Domínguez; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e as finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo.

A reunión iniciouse coa entrega dos premios especiais, logo chegou a tradicional foto de familia das finalistas e terminou cun cóctel.