A Illa das Esculturas acolleu este sábado a celebración do Día Internacional do Ioga, que reuniu a practicantes de todas as idades e niveis nunha contorna natural privilexiada.
Desde as 10.00 horas e até ben entrada a tarde, o espazo acolleu un amplo programa de actividades deseñado para achegar esta disciplina á cidadanía e fomentar, ao mesmo tempo, o apoio ao pequeno comercio local.
A cita contou coa participación de doce escolas e profesionais do ioga da cidade, que impartiron sesións rotativas dunha hora en dous escenarios diferenciados para adaptarse a todos os públicos.

Mentres o Escenario Lúa acolleu propostas máis pausadas e enfocadas á relaxación e a conexión interior, o Escenario Sol concentrou as prácticas máis dinámicas.
A participación foi libre e aberta durante toda a xornada, permitindo aos asistentes incorporarse a tantas actividades como desexasen.
Un dos momentos máis destacados do día chegou durante a hora do xantar, cando centenares de persoas compartiron un gran picnic comunitario que reforzou o carácter participativo e social do encontro.
A zona de mercadillo, integrada por oito postos, ofreceu unha variada oferta gastronómica e comercial. Entre os expositores destacaron as propostas de restauración de Espazo Vía Nai, Nouk Sandwich e Morriña Argenta, xunto a negocios especializados en material para a práctica do ioga, cosmética natural e marmaterapia.
Durante o mediodía tamén se celebrou a charla divulgativa "Máis aló das asanas", unha actividade orientada a desmontar mitos e falsas crenzas en torno ao ioga e a divulgar os seus beneficios desde unha perspectiva ampla e inclusiva.
A xornada contou ademais coa participación do Santuario Vacaloura como entidade social convidada, dando visibilidade ao seu labor de protección e coidado animal.
O evento concluíu cun concerto de Kirtan, unha proposta musical baseada no canto colectivo de mantras que puxo o broche final a unha celebración marcada pola convivencia, a saúde e o espírito de comunidade.
