Antía Yáñez, Carmen Villar e Ricardo F. Colmenero son o tres finalistas da XXIII edición do Premio Fernández del Riego de xornalismo.
Este galardón, que concede Afundación e que está dotado con 10.000 euros, recoñece cada ano aos mellores artigos de opinión ou de carácter literario publicados en galego.
Antía Yáñez opta ao premio por "A memoria", publicado na Revista Luzes; Carmen Villar, por "E, de súpeto, as mans", publicado en Faro de Vigo; e Ricardo F. Colmenero por "Espertares", publicado en La Región.
O xurado, integrado por Víctor Freixanes, Carlos Valle, Xosé Carlos Caneiro, Fina Casalderrey, Gloria Rodríguez e Rexina Vega, volverá reunirse no último trimestre do ano para escoller ao gañador entre os tres artigos finalistas.
A edición deste ano do Premio Fernández del Riego foi, segundo a organización, a máis concorrida da súa historia ao presentarse un total de 43 artigos.
Freixanes, que actuou como presidente do xurado, destacou que a "coherencia e calidade" dos textos presentados "é un exemplo da boa saúde do columnismo en Galicia", algo a celebrar, dixo, nun contexto "cada vez máis complexo".
Ao galardón podían presentarse artigos incluídos no xénero do xornalismo literario ou ben no xénero de artigo de opinión.
A única condición é que só se presentara un texto por autor e que fora publicado ao longo do ano 2025 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas e escrito en lingua galega.
No histórico de persoas premiadas están, entre outros, Fina Casalderrey, Miguel Anxo Murado, Eduardo Rolland, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Manuel Bragado, Luís Pousa, Tamara Montero, Santiago Jaureguizar, Inma López Silva ou Diego Ameixeiras.
Rexina Vega foi, pola súa banda, a gañadora da última edición.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.