O segundo día do Festaclown xa está en marcha nas rúas de Vilagarcía de Arousa, despois dun arranque exitoso que onte luns encheu a cidade de circo, humor e a ledicia habitual neste encontro de pallasos.
O festival, que se desenvolve ata o vindeiro sábado 23 de agosto, continúa hoxe coa súa programación de espectáculos gratuítos que combina entretemento e conciencia social.
A xornada inaugural do lunes deixou grandes momentos cos equilibrios do Minotauro de Nacho Flores polas rúas da cidade e a Praza de Galicia, seguido da emotiva gala "Circo contra a barbarie" de Pallasos en Rebeldía na Praza da II República coa participación da cantante Mercedes Peón.
Este martes, o programa arrancou ás 11:00 horas coa compañía Igualarte + Con Eles e o seu espectáculo "Animart" polas rúas da cidade. Ás 12:30 horas será o turno de Rendos Pequeno co "Charlatán Rodríguez" na Praza de Ravella, dentro da programación Superroquiños dirixida ao público familiar.
A tarde reserva dous momentos destacados: ás 19:30 horas, Henriko presentará "Circo Cambuche" na Praza de Galicia dentro do Certame Festaclown, e ás 21:00 horas, Marta Alonso Tejada ofrecerá "Dance Join" na Praza da II República como parte da Mostra Festaclown.
Esta undécima edición do festival destaca pola súa vertente solidaria e reivindicativa, coa bandeira de Palestina presidindo a carpa do circo como símbolo do compromiso social do evento.
O alcalde Alberto Varela destacara na presentación que se trata dunha das iniciativas das que o Concello se sente "especialmente orgulloso" e que xa se converteu nun evento "indispensable nas festas de San Roque".
O festival inclúe novidades como espectáculos que combinan acrobacias en camas elásticas, danza e clown, disciplinas que aínda non se tiñan visto en Vilagarcía.
Dos 22 espectáculos programados, 11 son de compañías galegas, mentres que o cartel tamén conta coa presenza de grupos nacionais e internacionais procedentes de Colombia, México e Arxentina.
Todas propostas son gratuítas e están pensadas para "nenos de ata 100 anos", segundo sinala a concelleira de Cultura, Sonia Outón.
O Festaclown desenvólvese nas tres pistas ao aire libre habituais: os Xardíns de Ravella, a Praza de Galicia e a Praza da II República, con tres espectáculos diarios en sesións de mañá, tarde e noite.
Toda a programación está dispoñible nesta ligazón á páxina web do Festaclown.