Ara Malikian programa concertos en Pontevedra e Vilagarcía tras aprazar a súa xira en 2024

Pontevedra
09 de outubro 2024
Actualizado: 14:34

O popular violinista suspendera o pasado mes de febreiro o seu concerto en Pontevedra por problemas de saúde. Volverá un ano despois a Galicia con recitais fixados para o 9 de febreiro na Boa Vila e o 3 de maio en Vilagarcía

Concerto de Ara Malikian en Pontevedra
Concerto de Ara Malikian en Pontevedra /

Un ano despois de ter que suspender a súa xira por Galicia por "problemas de saúde", Ara Malikian programa novos concertos nas Rías Baixas.

O popular e recoñecido violinista tiña previsto un recital na Boa Vila no marco da súa xira mundial o pasado 24 de febreiro, e recupérao practicamente un ano despois dentro do seu novo espectáculo 'Intruso'.

Un recital baseado nas súas vivencias cunha óptica moi persoal, xa que como o mesmo explica na introdución da xira "no Líbano non me consideraban suficiente libanés porque era de orixe Armenio; os armenios non me consideraban suficiente Armenio porque nacera en Líbano; cando me establecín en Europa non me consideraban europeo porque non nacera en Europa. Custoume anos estar en paz comigo polo que son e aceptar ser o eterno 'intruso' e abrazar a riqueza da miña identidade multicultural", sinala sobre unha experiencia que se reflectiu en cada un dos seus concertos, nos que "cada nota, en cada improvisación, buscaba transmitir a riqueza da miña experiencia multicultural, fusionando as tradicións máis diversas nun son único e persoal".

O recital de Ara Malikian en Pontevedra terá lugar no Auditorio de Afundación o domingo 9 de febreiro de 2025 ás 20.00 horas, con entradas desde os 61,60 euros.

Pola súa banda o Auditorio Municipal de Vilagarcía acollerá o espectáculo do violinista o sábado 3 de maio tamén ás 20.00 horas, neste caso con entradas cun custo a partir de 50,60 euros.