Os últimos días do ano chegarán cheos de música e danza a Campo Lameiro da man da Deputación de Pontevedra e de Amarelo Cía.
Este sábado, 27 de decembro, ás 19.00 horas, representarase o espectáculo 'O arcón de Noa' no centro sociocultural Sobrino Buhigas.
Trátsae dun espectáculo de música e danza para gozar en familia, pensado para público infantil e familiar a partir de 3 anos.
A través da linguaxe da danza contemporánea, a utilización de obxectos e a interacción co dispositivo escénico, esta proposta amosa múltiples situacións e personaxes guiados por unha narración clásica de conto de maxia e fantasía.
A proposta estimulará a imaxinación das nenas e nenos e tratará transversalmente valores sociais e temáticas relevantes para o desenvolvemento emocional das nenas e nenos: a empatía, a sostibilidade, a cooperación, a diversidade, a inclusión e o respecto ao diferente.
Todos estes temas trátaos o espectáculo de maneira lúdica, facendo uso da linguaxe corporal, a luz, a música e a imaxinación, para contar unha historia de amizade onde haberá emoción, maxia, aventuras, fantasía e comicidade.
Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos da Deputación que percorrerá a provincia ata o 17 de xaneiro de 2026.