A Deputación de Pontevedra activará esta semana as visitas guiadas á exposición 'Arte en parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas', mostra inaugurada o xoves 30 de abril e que se poderá visitar no Edificio Castelao até o 28 de xuño.
Os encontros celebraranse todos os xoves ás 18:00 horas e os sábados ás 12:00, con reserva previa a través da web do museo, a partir deste mércores 6 de maio.
A exposición ofrece un percorrido por máis dun cento de obras de ambos os artistas e reivindica dúas traxectorias marcadas pola súa relación matrimonial, pero tamén por unha clara autonomía plástica.
A mostra reúne 58 pezas de Mercedes Ruibal, entre óleos, debuxos e acrílicos, e 57 de Agustín Pérez Bellas, ademais de material documental e gráfico.
Tamén incorpora álbums, carteis, 'academias', fotografías, prospectos de exposicións, libros dedicados por intelectuais e artistas, así como exemplos da produción literaria e do activismo político de ambos os autores, e obras relacionadas con figuras como Laxeiro e Rafael Alberti.
A programación completarase coas xornadas 'Tecendo Pinturas. As Artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas', que se celebrarán o 28 de maio e o 19 de xuño no mesmo espazo.
Na primeira sesión intervirán Marga do Val, Graciela Baquero, Xosé Enrique Acuña e Cristina Villaverde Ruibal, mentres que na segunda participarán José Varela Alén e Beatriz Ruibal, que presentará unha videocreación creada para a ocasión.