O Museo acolle desde este xoves a exposición 'Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas'

Pontevedra
29 de abril 2026

A mostra inclúe máis de cen pezas entre óleos, acrílicos, debuxos e tintas que certifican o papel central de Ruibal e Pérez Bellas dentro da pintura galega do século XX

Presentación de 'Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’
Presentación de 'Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’ / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra inaugura este xoves 30 de abril ás 19:00 horas no Edificio Castelao a exposición 'Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas'.

O acto de presentación contou coa participación do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, a comisaria da exposición, Cristina Villaverde Ruibal, licenciada en Historia da arte, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, quen salientaron que a mostra "é unha marabilla".

'Arte parella' propón por primeira vez un diálogo crítico e creativo entre a obra de ambos os artistas, con máis de cen pezas entre óleos, acrílicos, debuxos e tintas, que exhiben o papel central de Mercedes Ruibal na arte galega do último terzo do século XX e aspectos pouco coñecidos da creatividade de Agustín Pérez Bellas.

A mostra configúrase como un percorrido antolóxico polas etapas máis significativas dos dous artistas, marcada pola súa relación matrimonial e, ao mesmo tempo, pola autonomía plástica que lles permitiu desenvolver liñas artísticas dispares desde mediados da década de 1950.

En total son 58 obras, entre óleos, debuxos e acrílicos da pintora pontevedresa, e 57 do aragonés, a maioría tintas, que certifican o seu papel central dentro da pintura galega do século XX, así como a repercusión alcanzada en Galicia, no resto do Estado e, nalgúns casos, en Francia e Italia.

Ademais dos cadros, a exposición inclúe álbums, carteis, debuxos soltos, "academias", fotografías, prospectos das súas mostras en galerías españolas e estranxeiras, libros con dedicatorias manuscritas de intelectuais, políticos e artistas, deseños gráficos, discografía e exemplos da obra literaria que ambos editaron en vida.

Na mostra tamén hai dúas entrevistas individuais realizadas en 1971 e 1989 para programas de televisión.

Grazas ao traballo de documentación da comisaria, Cristina Villaverde Ruibal, puido corrixir datos biográficos previamente erróneos sobre Mercedes Ruibal (nada en Xeve e formada artisticamente na Arxentina xunto ao pintor Laxeiro) e restaurou aspectos da súa vida e do seu itinerario creativo en Buenos Aires, Madrid e Roma.

Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1926 – Madrid, 2003) consolidouse nas últimas décadas do século XX como unha das referencias centrais da pintura galega, cunha aposta plástica que incidía nunha visión particular da muller e nun activo compromiso coas inxustizas.

A súa figura estivo presente en espazos artísticos e intelectuais relevantes, superando a invisibilización que sufriron moitas outras pintoras da súa xeración. casou co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas en 1958.

Nacido en Vigo en 1927, Pérez Bellas formouse como arquitecto, pero desde moi pronto destacou por unha capacidade para o debuxo. Tras percorrer Europa en viaxes de estudo, contactou coas apostas vangardistas da pintura dos anos 50 e 60 e comezou a expor individualmente en galerías de prestixio, onde o seu patrón compositivo, dominado pola enerxía xestual, foi celebrado. A súa obra, fundamentalmente en tinta, cunha forte presenza humana, exerceu influencia en xeracións posteriores de artistas galegos. Tamén se afirmou como poeta e narrador, e faleceu prematuramente en Vigo en 1982.

A exposición completarase coas xornadas 'Tecendo Pinturas. As Artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas', que se celebrarán no Museo de Pontevedra e ao redor da mostra.

Durante a inauguración intervirán Marga do Val, Graciela Baquero, Xosé Enrique Acuña e a propia comisaria, Cristina Villaverde Ruibal, mentres que o venres 19 de xuño farano José Varela Alén e Beatriz Ruibal, que presentará unha videocreación realizada especificamente para a ocasión.