O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro martes, 14 de abril, a conferencia titulada “Das exposicións de mulleres artistas aos proxectos curatoriais feministas en España”.
O relatorio, programado pola Deputación para as 19:00 horas, correrá a cargo da comisaria e crítica de arte Isabel Tejeda Martín.
A sesión centrarase na traxectoria histórica seguida pola obra das creadoras no contexto estatal.
A intervención de Tejeda abordará a evolución na visibilización do traballo das mulleres, desde as primeiras iniciativas para amosar a súa produción ata o desenvolvemento de proxectos de comisariado feminista orientados á procura da equidade en museos e galerías.
A actividade completarase na mañá do mércores cunha vertente pedagóxica na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Tejeda dirixirá un obradoiro práctico sobre a montaxe de exposicións destinado ao alumnado do Máster en Creación Artística Contemporánea.
Esta xornada desenvolverase na propia sala O Abrigo e forma parte da materia Estudos Abertos II. O obxectivo é que os estudantes coñezan diferentes xeitos de abordar a disposición das obras nun espazo expositivo, coincidindo coa organización da mostra dos seus propios traballos nese centro.
Isabel Tejeda Martín é catedrática na Universidade de Murcia e forma parte dos consellos asesores do IVAM de Valencia e do MUCAC de Málaga. A súa labor investigadora céntrase na historia das exposicións, a narración da arte contemporánea e o papel das mulleres e os feminismos no sistema artístico.