A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, lanza Empower Parents, un programa innovador en Galicia deseñado para facilitar o acceso á cultura a familias con nenos con autismo.
A iniciativa, desenvolta en colaboración coa entidade Empower, especializada en mediación e aprendizaxe cultural, permitirá a sete familias participar na súa primeira edición, que terá lugar entre maio e novembro.
O obxectivo do programa é consolidar un museo máis inclusivo, próximo e sensibilizado coa diversidade, ao tempo que fortalece o vínculo entre as familias e o equipo educativo do centro.
Empower Parents estrutúrase en dúas fases: na primeira, o persoal do Museo recibirá formación específica en accesibilidade por parte de Empower; na segunda, aplicará este coñecemento en 16 sesións dirixidas ás familias e aos seus fillos.
As actividades, que se desenvolverán nas instalacións do Museo, inclúen dinámicas sensoriais, materiais accesibles e metodoloxías prácticas que favorecen a experimentación e a participación activa de todos os participantes.
O prazo de inscrición para as familias interesadas estará aberto desde este luns 6 de abril, ata o venres 17 de abril, a través do seguinte formulario: https://forms.gle/eNL6BWbWrnEVed4j7.
Das solicitudes recibidas, seleccionaranse sete familias mediante entrevista. A convocatoria está aberta a nenos de 5 a 12 anos, co único requisito de querer formar parte dunha comunidade, compartir experiencias e contribuír á creación de espazos culturais máis inclusivos.
Empower, que acompaña o proxecto, leva anos traballando para eliminar barreiras nos espazos culturais e ofrecer ferramentas educativas e recursos accesibles que permitan ás infancias con autismo participar e gozar da cultura en igualdade de condicións.
Desde 2013, o programa Empower Parents realizouse con éxito en diferentes museos e salas de arte de Madrid, Valencia e Castela e León. Agora, o Museo de Pontevedra incorpórase a esta rede, xunto con institucións como o Museo ICO, o Real Xardín Botánico-CSIC, Fundación Telefónica ou o Museo Casa Natal de Cervantes, entre outros.
A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, subliñou que "o Museo ten vocación de ser útil a toda a sociedade. Con iniciativas como esta, buscamos que persoas con distintas circunstancias poidan gozar da arte e atopar no Museo un espazo de benestar e enriquecemento persoal".
Laura Donis, fundadora e CEO de Empower, destacou que "a implicación do Museo reflicte como as institucións culturais poden ser motores de cambio real cando sitúan ás persoas no centro da súa actividade, especialmente aquelas que habitualmente afrontan maiores obstáculos para acceder á cultura".