O Museo de Pontevedra publica o número 65 da súa revista científica con oito estudos sobre patrimonio e arqueoloxía

Pontevedra
27 de abril 2026
Actualizado: 13:07

Con este novo número, a revista reafirma o seu papel como referente na investigación e difusión do patrimonio cultural galego

Revista do Museo
Revista do Museo / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de publicar o número 65 da revista científica 'Museo de Pontevedra', correspondente ás anualidades 2020-2022, unha edición que consolida unha traxectoria iniciada en 1942 e centrada na difusión de investigacións sobre arqueoloxía, patrimonio, arte e documentación.

O novo volume reúne un total de oito traballos de investigación.

Abre a publicación un estudo colectivo, asinado por dez autores, que presenta os resultados de catro campañas de escavación desenvolvidas entre 2015 e 2018 no Castro Grande de Neixón. As intervencións permitiron obter información relevante sobre o sistema defensivo do xacemento, así como identificar un edificio de grandes dimensións interpretado como un posible templo rural de inicios da Alta Idade Media.

No ámbito da arqueoloxía, os investigadores Juan Manuel Abascal e Rafael Rodríguez analizan grafitos cerámicos documentados en campañas promovidas pola Deputación no xacemento da Lanzada.

Pola súa banda, a investigadora Kenia de Aguiar Ribeiro aborda o labor fotográfico pioneiro de Ramón Sobrino Buhigas sobre os petróglifos de Galicia durante o primeiro terzo do século XX.

Dous artigos céntranse no patrimonio arquitectónico. Fátima Martínez Gómez e Mateo Fontán Couto analizan o contexto histórico e artístico do cemiterio de San Amaro, inaugurado en 1882, destacando o seu valor patrimonial.

Ademais, Rafael Vallejo documenta a evolución histórica e o proceso de privatización da Casa Barroca de Combarro, un inmoble expropiado en 1973 co obxectivo de acoller o Museo do Mar.

No apartado de documentación, Pedro López publica o manuscrito ‘Las cruces de piedra en Pontevedra’, redactado en 1964 por Enrique Fernández Villamil, no que se recolle a historia dos principais cruceiros do casco urbano pontevedrés.

Os dous últimos traballos céntranse en pezas conservadas no Museo. Antonio Costa Iglesias presenta os resultados de estudos con técnicas de fotogrametría que permitiron identificar a figura do rei Fernando II de Galicia nun tímpano da igrexa de San Martiño de Moaña, vinculándoo cunha peza conservada no museo.

Noutro artigo, o mesmo autor analiza o tímpano de San Xoán de Palmou, no que identifica as figuras bíblicas de David, un león e unha ovella, cuestionando interpretacións previas que atribuían a escena a Sansón.

A publicación complétase cun informe sobre o número de visitas recibidas polo Museo de Pontevedra no período 2020-2022, así como cunha memoria das incorporacións á colección.

Entre os novos fondos figuran pezas arqueolóxicas, documentación diversa e obras de artistas como Xoán Piñeiro, Xaime Quessada, Joaquín Vaamonde, Luis Pintos Fonseca, Amancio Landín, Jorge Castillo e Rafael Alonso, entre outros.