O Teatro Principal acollerá este venres 19 de setembro ás 20:00 horas a penúltima actuación do ciclo de Artes Vivas da Bienal coa proposta "El lenguaje de las líneas" da bailaora e creadora contemporánea Leonor Leal.
A entrada será libre ata completar a capacidade da sala.
A artista xerezana presenta unha proposta innovadora que se define como unha "charla bailada", na que explora a través do movimento as súas inquietudes sobre a falta de textos escritos sobre flamenco.
Lonxe de ser unha conferencia convencional, a actuación converterase nun encontro entre corpo e palabra.
Leonor Leal, que se move no territorio do novo flamenco, optou por habitar o teatro desde unha óptica distinta e innovadora. A súa proposta non será "unha conferencia con ela sentada fronte a un micrófono soltando un discurso, senón un match entre corpo e palabra", segundo explica a organización.
A bailaora, natural de Xerez da Fronteira, conta cunha formación sólida que inclúe a titulación en Ballet Clásico pola Real Academia de Danza do Reino Unido e en Danza Clásica e Danza Española polo Conservatorio de Danza de Sevilla.
A súa carreira solista está respaldada por numerosos galardóns, entre eles o Premio Bailarina Sobresaliente do Certame Coreográfico Danza Española e Flamenco (Madrid, 2008) e o Premio Artista Revelación do Festival de Xerez (2011) por "eLe eLe". Ademais, obtivo dúas candidaturas aos Premios Max como mellor intérprete feminina de danza e mellor espectáculo de danza por "Nocturno".
As súas obras exhibíronse nas principais mostras europeas e americanas de flamenco, incluíndo as bienais de Sevilla e Holanda, así como os festivais de Xerez, Düsseldorf, Esch-Luxemburgo, Nîmes, Mont de Marsan, Toulouse, Londres e Nova York.
Esta actuación forma parte do ciclo de Artes Vivas da Bienal, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, que está a percorrer diferentes puntos da provincia activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais. O obxectivo é transformalos en escenarios efémeros abertos ao público para conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.